Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alejandro Tobar

Do Negacionismo e Ben-Cho-Shey

10:24 18/11/2009

Se eu formase parte do negacionismo, en calquera das súas múltiples e variadas formas, estaría agora mesmo a base de tranquimazín. Estaría, digo, certamente desconcertado, perplexo, e moi pero que moi nervioso.

A soa idea de que o traballo de tantos réximes de man de ferro poida quedar en nada por non ter sabido controlar os tempos faríaseme inaturábel! Non sei con certeza cal sería o meu proceder. Se cadra optaría por buscar consolo nos meus, os de Madrid e Salamanca e Valladolid e Ávila e Toledo e Villanueva de los Infantes, e presentarlles as miñas escusas sinceras polo que me tocou ser, por nacer onde nacín, manifestarlles o meu apoio sen fisuras nin contrapartidas, a miña absoluta disposición para calquera ofensiva vindeira, e aplaudirlles cada discurso, que polo menos non alberguen dúbidas no tocante á lealdade das miñas posicións: España non merece ser vilipendiada por unha minchiña tan nauseabunda coma o galego.

Se eu formase parte do negacionismo non me perdoaría non ter calado a boca no canto de acordar o monstro, non ter seguido actuando á calada no canto de avivar o lume. Quen me mandaría a min meterme neste enguedello!, diría para o meu chaleco. O equipo que gaña partidos non modifica a aliñación!, fustrigaríame. Por que non o deixaría estar?!, eu ao meu, que é contemplar oufano como esa cagalla de lingua esmorece de a pouco. Púidome a ambición, púidonos a todos!, pegamos o acelerón nunha das poucas curvas perigosas! Fai falla ser parvo; estaba feito, e no tempo engadido: zas!, os galegos van e fanse galegos, dinse galegos e falan, sen cesións, a lingua dos galegos.

Mais eu negacionista non son, evidentemente. O que eu son é un de tantos galegos que se saben galegos e actúan en consecuencia, tan sinxelo coma iso. Xaora non teño que estar a base da ansiolíticos nin tirándome dos pelos; en troques, o que si cómpre que estea é calmo, que actúe con coherencia, sabendo que quen mexaron ―e mexan― por min e polos meus durante tanto tempo veñen de facer unha xogada horrorosa, de cometer un erro de principiante anunciando un órdago a destempo, e a voz cantante volve ser a miña. Toca ser prudente e consciente de que se xogo é para gañar, caso contrario tería quedado na casa alentando o folclorismo e agochando quen son, de onde veño e para onde vou. É certo que non levo trunfos declarados pero tamén é certo que os naipes da lingua poden dar moito de si, sempre é cando saiba xogalos.

Polo de pronto, previndo que, coma no tenis, a partida se ía delongar, inscribinme nunha especie de cursiño de apoio e asesoramento, unha plataforma pola lingua, onde se me ofrece a posibilidade de pór en común con outros xogadores, nacionais e de fóra, os meus coñecementos. Alí mantemos intensos debates, axúdanme a estudar os movementos do rival ―conto coa axuda de expertos que me informan das artimañas e enganos a zorro do contrincante, para eu saber como me posicionar―, acálmanme cando me indigno perante a falta de cobertura das miñas accións ou directamente cando os máis fieis e bárbaros seguidores do negacionismo se dan á terxiversación sen escrúpulos. En definitiva, que é moi útil e está moi ben isto das plataformas. E non existe unha soa, senón varias ―teño para min que os pobriños dos negacionistas deben de se alporizar de mala maneira cada vez algunha alma cándida lles lembra que a súa pouca destreza coas cartas da lingua fixo abrollar dous, tres, catro, cinco e máis plataformas novas, e que están en pé de guerra e avanzan a paso lixeiro―. A plataforma que a min me ampara e á cal eu fago partícipe dos meus movementos é dunha pluralidade incontestábel. Esta é característica que a define. Conta con membros do máis diverso, dou fe: xente que por veces lle ri as grazas ao grupo de amigos do meu adversario, xente que mesmo o apoia noutros ámbitos da vida, xente que aínda está tomando posicións, xente moi atenta que toma nota de todo canto sucede, xente que non lle pasa unha, xente que non o pode nin ver, xente dunha constancia envexábel e xente que está de volta de todo. Ora ben, con todo o diferentes que somos e máis, estou convencido de que dos case 2000 membros que figuramos non hai un ou unha que non subscriba estas palabras que Ben-Cho-Shey asinaba hai cincuenta anos, en outubro de 1949:


[...]Eu decátome de que as xentes que se avergoñan de seren galegos e renegan da súa fala son víctimas dun complexo de inferioridade que os leva a coidar que son máis persoas por falaren castelán; mais polo mismo que se trata dun fenómeno orixinado por unha falsa valoración do noso idioma compre combatilo sen folgo e non ceder ante ninguén falando decote a nosa lingoa en tódalas ocasiós e diante de toda clas de xentes, por moi outas que se coiden, sempre que teñan nado en Galicia.

    Eu ben sei, tamén, que con esta conducta perderemos na estimación dos «imbéciles i escuros», pro a pedra de toque do galeguismo ten de ser a fala necesaria e ineludibelmente.

    Os galeguistas poderemos estar ou non conformes cos programas políticos e sociaes dos partidos máis dispares, dende a extrema direita ó máis avanzado esquerdismo; do que non podemos abdicar é do emprego da fala; cos que non podemos transixir é cos centralistas do idioma. Ser galeguista obriga, por enriba de todo, a pensar, a obrar, a bailar, a producirse e a falar en galego, porque iste é o noso feito diferencial que temos que cultivar con todo agarimo si queremos ser nós e non confundirnos con alleos[...]
    Contra dos galegos desleigados ten de ser a nosa teima; contra dos galegos renegados, a nosa batalla, i esta teima i esta batalla hase soster a diario ata vencelos[...]


Xa por último, quixera pór de relevo que as plataformas máis recentes, e tamén as de vello, foron artelladas con frases coma estas de Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey. E unha vez postas as bases, no que agora se anda é na busca dos mecanismos para o poder levar a cabo, para poder plasmar estas ideas, de forma inequívoca e duradeira, na realidade que nos toca vivir. Por iso, cantos máis sexamos, máis ideas e máis forza teremos para igualarmos os nosos dereitos. Amais, a quen non lle gusta apostar a cabalo gañador?

4,8/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Alejandro Tobar Salazar, nado en Lugo en 1983, reside na actualidade en Copenhaguen, Dinamarca. En 2008, a editorial Tristram publicoulle a que é até o de agora a súa única novela: Cremalleiras. Tamén ten no seu haber diferentes premios literarios. »



Anteriores...