Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

As provincias e Madrid

18:32 26/02/2010

Ante a precaria situación das Caixas de Aforro revelada pola crise, volvese cada vez máis evidente que o Governo estatal está a utilizar o Banco de España para reforzar a centralización do poder financiero e económico, como xa se fixera no proceso de fusións do que sairon os novos Banco de Santander e BBVA. Tendo isto en mentes estableceron o FROB (Fundo de Reestruturación Ordenada Bancaria) para financiar as medidas de saneamento das caixas, favorecendo especialmente as fusións interautonómicas e, asemade, o SIP (Sistema Institucional de Proteción), como un instrumento destinado a un agrupamento desas entidades de crédito, que sendo en principio temporal, de facto resultaría definitivo, procurando a súa bancarización e centralización. Con estes instrumentos, o Banco de España pretende reducir o número de caixas a un terzo do actual.

Todo isto co propósito de privatizar as caixas e de arredalas das decisións das Comunidades Autónomas, acusadas agora de polítizar a xestión desas entidades. Fan isto cando paira sobre o proceso aberto a cínica decisión das dúas forzas que teñen a maioría parlamentar no Estado de designar como presidente de Caja Madrid a un ex vicepresidente e ex ministro de economía conservador, agoirando como unha das súas prioridades a absorción de Caixa Galicia e Caja del Mediterráneo, sen poder ocultar a vontade de destruír a hexemonía de La Caixa catalá.

Neste contexto, con independencia de posíbeis recursos constitucionais contra a lexislación emitida polo Governo estatal e procurando o acordo dos Grupos do Parlamento de Galiza, o Governo autónomo debeu dar a coñecer a situación en que se encontraban as dúas caixas, tanto en relación cos seus activos en Galiza como nos que dependen do financiamento de aventuras imobiliarias no resto do Estado. Non fixo valer a súa autoridade para favorecer e reclamar as medidas de saneamento precisas, quer considerándoas individualmente, quer mediante a fusión. 

Todo indica que, se son apoiadas financieramente polo Goberno do Estado, tanto Caixa Galicia como Caixanova terían a capacidade precisa para manterse coa súa personalidade, e que de xuntarse, a entidade resultante ficaría pola cifra de activos no quinto posto da lista estatal de caixas de aforro.

A máis mínima sensatez recomendaría que a posible fusión se realizase de forma paritaria e con unha distribución equitativa dos centros de decisión, concretando o acordo previamente en detalle e sen equívocos, tendo en conta as actuais sedes de Caixanova e Caixa de Galicia, e na consciencia de que a entidade final ten que ser tan galega como os depositantes que lle dan vida que tanto da Coruña e Vigo como de Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, por citar ás principais cidades galegas e a orixe plural das dúas entidades. Unha posición esta que responde ás posicións das forzas políticas que defenden o proxecto nacional galego desde o comezo da etapa autonómica, estando en coerencia co desexo da xente que mira polas aspiracións e os intereses institucionais, económicos e culturais do país.

Cando o presidente do Governo autónomo defendeu unha fusión fundamentada na paridade non explicou sen ambigüedades o significado concreto e categórico que lle dá esta idea, sabendo que os intentos de absorción conducen ao desastre.

Faltou e falta ainda a vontade e a autoridade democrática para avanzar por esta vía. O Governo galego do PP non deu a coñecer publicamente a situación económica das entidades, nen esclareceu as posicións dos dirixentes das mesmas, tentados tanto os de Caixanova como os de Caixa Galicia pola unión de facto através do SIP ou mediante a fusión con entidades de crñedito exteriores. Estas graves carencias do PP foron asegundadas polas confusas posicións dos representantes do PSOE en Galiza. Sen mediar que se saiba unha reunión conxunta e ante a ausencia dunha posición pública común, o seu secretario xeral e voceiro no Parlamento asumiu sen reservas as posicións madrileñas, negando a nova Lei de Caixas co apresurado argumento de que non respeita a Constitución. Sendo ambos os dous do Psoe, as posicións dos alcaldes das principais cidades contribuiron con estrondo a sementar o caos: reclamando un poder sen fisuras para o seu municipio, o da Coruña teimou na absorción de Caixanova por Caixa Galicia e o de Vigo levantouse como defensor da cidade e tamén do Sur ante o pretendido roubo desde o Norte.

Non faltaron neste tempo análises que atribuiron todo o que pasaba a algo tan burdamente esencialista como a suposta tendencia localista dos autóctonos, esquecendo ou querendo ignorar que o localismo galaico nen é exclusivo nen é o produto dalgún sinal indestrutíbel, tendo pola contra orixes políticas recoñecíbeis, en particular a criazón en 1833 das actuais provincias polo rexime monárquico caciquil da época, tendo cada provincia unha relación obrigada con Madrid e carecendo de toda relacion institucional entre elas. Non se debería ignorar, tambén non,  que a vía férrea A Coruña-Vigo chegou en 1943, noventa e cinco anos depois da primeira liña construida no ámbito da monarquía Borbón e cincuenta anos despois da unión de Galiza con Madrid. O ferrocarril Zamora-Ourense-Santiago tardaría ainda máis abríuse en 1957. Co Estatuto de Autonomia mudaron muitas cousas, mais as provincias e ese Madrid están aí.

5/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións