A CIG celebra neste 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, manifestacións en toda Galiza en defensa do emprego, dos salarios e das pensións. As tres cousas hoxe ameazadas como consecuencia da crise económica e das políticas neoliberais que levan adiante os gobernos.
A crise económica  foi provocada polo fomento dunha economía especulativa, ao servizo  do capital financeiro, que supuxo a obtención dun enorme lucro para  uns poucos a custo da sobreexplotación da clase traballadora e da precarización  das súas condicións de traballo. 
Pois ben, a  pesar das grandes declaracións dos gobernos da necesidade de adoptar  medidas para un maior control do sector financeiro, a realidade é que  nada deso se fixo e segue sendo a grande banca, o capital financeiro,  o que está a dirixir as políticas económicas dos gobernos e a especular  nos mercados financeiros cos recursos  coa débeda pública, moita  dela provocada polos empréstimos feitos ao sector financeiro polos  gobernos.  Nada se está  a facer desde os gobernos por rematar cos paraísos fiscais, por controlar  os movementos especulativos de capital, por reformar o sistema fiscal  cara a un sistema impositivo progresivo, por un control público dos  sectores estratéxicos... 
Séguese incidindo  nas políticas neoliberais de sempre, de recorte do gasto público e  dos salarios, de recorte das pensións públicas e de dificultar o acceso  ás mesmas, de facilitar o despedimento, en definitiva, de recorte de  dereitos laborais e sociais, de precarización das condicións de traballo,  facendo que a crise a paguen os traballadores, ao tempo que se afonda  neste modelo de capitalismo neoliberal tan negativo para os intereses  da clase  traballadora.  
Desde a CIG,  queremos denunciar o papel de colaboradores necesarios que están a  xogar CCOO e UGT nesta política do capital tan agresiva contra os intereses  da clase traballadora, demostrando unha vez máis a súa complicidade  co modelo neoliberal. Só así se pode entender o Pacto Salarial que  veñen de asinar para os próximos tres anos, que vai supor na práctica  perda de salario para a grande maioría de traballadores e traballadoras,  nun momento no que se require precisamente a recuperación do poder  de compra dos traballadores e traballadoras para tirar da produtividade  das empresas. Foi a caída do poder adquisitivo dos salarios e do seu  peso no PIB un dos factores que influíron na actual situación de crise  económica.
Por que se  estas dúas centrais sindicais se prestan a dar a imaxe de cara á  sociedade de que a saída á crise está na reforma do mercado  laboral e na moderación salarial? Por que non se mobilizan para exixir  do Goberno políticas estruturais serias de control do sector financeiro,  de reforma do sistema fiscal, de control público dos sectores estratéxicos  como o enerxético ou o bancario?  
Denunciamos  a actitude da Xunta de Galiza, de total pasividade e complicidade con  estas políticas e este modelo neoliberal, e a falla de alternativas  como goberno galego para afrontar a crise.  
En calquera  caso, a nosa obriga é dar o debate, ofrecer alternativas e chamar  á mobilización social para parar esta nova agresión aos nosos intereses  e exixir outras políticas diferentes, que habelas hainas, para saír  da crise.