Teño o convencemento de que entre as acusacións máis doadas que se lle pode facer ao actual Goberno está xustamente a súa teima en facer da improvisación o seu modelo de actuación cotiá. De aí se cadra que non sexa casual que Feijoo apuntase no seu discurso esa frase: "Non creo nunha Galiza improvisada". Comezar negando a maior é un bo exercicio de autoconvencemento. A bancada da metade máis un do Parlamento aplaudiu aplicada, como é tradicional, a explicación improvisada polo presidente este martes nas súas intervencións. Xa saben o que dixo aquel chanceler, "en política o importante non é ter razón, senón que a un lla dean".
Gabouse o inquilino de Monte Pío de recordarnos que seica escoitou esa teoría de que na actividade diaria dun gobernante responsábel "debe haber planificación", mais teimou en descubrirnos o gran temoneiro dos Peares que descoñece de momento como levala á práctica. Feijoo gustaba de referirse ao anterior executivo co alcuño de "bi-goberno", mais a bo seguro sería doado cualificar o seu pouco aguerrido grupo conselleiril de "goberno en obras". A decepcionante intervención deste martes tiña un aquel de súplica, aínda que desafiante, á oposición, xa que un parecía estar escoitando entre liñas a Feijoo advertir 'espérense un momento, que estamos preparando un goberno e un proxecto de verdade, pero cando o teñamos, vanse vostedes enterar do que val un peite'.
Pero continuaba o discurso e non lle viamos un fío condutor. Labazadas para o bipartito, balance acrítico e xactancioso dun pequeno traxecto que hai apenas tres meses ainda non se atrevían a facer en pleno parlamentario, escaseza de medidas concretas e retórica pretenciosa. Ben doado llo puxo Feijoo aos voceiros da oposición.Vázquez por exemplo metíalle ben o dedo na ferida definindo este discurso feijoano como de "reinvestidura", xa que ben dubidoso parecía que a exposición do xefe do Executivo fose a de quen supostamente leva xa case un ano pilotando o Goberno. E afinado ironizaba Aymerich co presunto 'goberno 10' onde antonte abrollou unha directora xeral de Traballo que despide ilegalmente unha traballadora ou onte un conselleiro que se perde nun 'Desván'.
Á hora de avaliar un Goberno, e esteamos máis en acordo ou en desacordo con el, podemos ser capaces de xulgar se, nas coordenadas políticas que ese executivo pretende moverse, cae máis perto da liña da excelencia ou da mediocridade. E intriga pensar nas causas do profundo desacerto desta primeira etapa da era Feijoo mesmo para quen o avalíe obxectivamente próximo ás súas coordenadas. O aspirante a reinar onde reinou Fraga pilota de momento un grupiño de desorientados a facer buratos por aquí e abrir furados por acolá sen nin sequera un proxecto claro de perforación. Xa lles expresei nunha ocasión a miña convicción de que algúns importantes paus e recortes practicados por este Goberno son exemplo de desgoberno e desorientación: se a un non lle gusta cara a onde vai o barco, cambia de rumbo, pero non lle mete o machete á vela maior.
Diante desa falta de fío e ausencia de estratexia demostrada pola Xunta actual por boca do seu presidente este martes, máis valor gaña na distancia un bipartito que, cando menos, tiña clara unha liña de actuación a curto e medio prazo (tanto que ás veces mesmo xogaba a planificar dando por feita unha segunda quenda no poder), e onde todos e cada un dos seus departamentos manexaban con máis ou menos acerto un programa estratéxico ambicioso. En 2006, e á volta do primeiro embate daquel bipartito co PP nun pleno coma o desta semana, os grupos que daquela apoiaban o Goberno ironizaban co atranco que supuña o novo PP(deG) para o proxecto estrela de PSdeG e BNG por aquel tempo: o deseño dun novo Estatuto. "Imos esperar a saber exactamente o que quere facer Feijoo", chanceaban. Este martes coñecemos que Feijoo aínda non ten moi claro "o que quere facer". Venme á cabeza aquilo que, aló polo ecuador do bipartito, lle advertía Quintana ao daquela líder opositor Núñez Feijoo: "Rematou a Galiza dos administradores plenipotenciarios e dos administrados submisos". E aqueloutro que á súa vez lle arrebolaba no mesmo pleno Emilio Pérez Touriño: "Vostede cociña o seu discurso no fogón de Xénova e non no de Breogán".
Roberto Noguerol naceu en Chantada en 1976. É Xefe de Redacción de Vieiros. Mantén a bitácora No andaime. »