O Partido Popular está a buscar argumentos que xustifiquen o seu labor de oposición. O que está a facer na Galiza vai na mesma liña extremista e excluínte que leva na España a enarbolar o Terrorismo como argumento de forza contra o Goberno de Zapatero.
A estratexia do Partido Popular estase volvendo perigosa para a cidadanía. Pois non busca consensos nen solucións a cuestións non resoltas polo goberno (habelas hainas..). Poderían atopar moitos motivos de crítica e dar solucións súas aos problemas. Sempre os hai e sempre os haberá. Un goberno, por perfecto que sexa, non dá arranxado todo e sempre ten pontos fracos para “corrixirlle a plana”.
A lingua galega é o noso patrimonio histórico e cultural. É a base da nosa identidade como pobo diferenciado. É a criazón e expresión da nosa maneira de ver o mundo. Opóndose á sua vida estamos a negar a posibilidade de vivir do pobo galego como realidade diferenciada, empobrecémonos e empobrecemos ao conxunto da humanidade pola perda cultural que iso representa. Igual que defendemos á biodiversidade, tamén defendemos á diversidade cultural que caracteriza aos pobos europeos.
Eu non creo que ao PP lle importe moito que Galiza sobreviva ou non como pobo diferenciado. Eu o que interpreto é que a sua estratexia de sobrevivencia estableceuna na división, na creación de concepcións extremistas irrenunciábeis na sociedade. Esta estratexia promove a ubicación dos cidadáns nun ou noutro bando, como se toda a rica gama intermedia non existise. É dicir , empurrar á poboación cara a unha postura de ou comigo ou contra min
Crispación
Até agora o PP estivo a crispar a política española facendo do terrorismo un esperpento (é dicir unha realidade agrandada e deformada), cansándonos até o aborrecemento a toda a cidadanía. Xulgo que, polo de agora, Zapatero vaise zafando bastante ben, . En Galiza a 8 meses das elecións, tiña que buscar un argumento “esperpentizable”. Algo que poidese dividir á cidadania e que se prestase á demagoxia barata.
Até agora a sua postura co galego, consistía en ir deixándoo esmorecer, “lavando a cara” cun decreto de normalización que non se cumpría, esperando que o seu corpo ferido fose deixando de existir nas listas da espera da atención xusta que debería ter tido.
O actual decreto non fai máis que tentar recompoñer o mal feito despois de anos de desidia , de abandono e de envergoñamento por falar unha lingua en que non se escribían nen as Ciencias (química, matemáticas, etc.) nen as Letras (leis, decretos, contratos, escrituras notariais, etc). A culpa do abandono do galego ten raíces históricas. Pero aos que gobernaron Galiza durante máis de 16 anos seguidos (se non contamos os 40 de Franquismo) cómprelles a responsabilidade de non saber ou non querer pór o noso idioma no lugar de honra que lle corresponde.
Opóndose ao decreto, baten dous paxaros dun tiro: Encontran o lema da sua oposición e da fragmentación social como estratexia imitando o que fan na España; e xustifican o seu desgoberno destes anos pasados con relación á lingua. Non é estrano que se opuxesen ao decreto. Non é estrano que se desdixesen do seu anterior consenso coas outras forzas políticas. A súa estratexia é a diferencia. É a fragmentación da sociedade. Os argumentos veñen logo: dereitos dos pais a decidir a lingua en que queren educar aos fillos. Libertade de expresión. Libertade de escolla de Centro Educativo Concertado (aquí resucitan a vella teoría do Cheque Escolar. Voltamos os pobres a pagar polos ricos...) Dialéctica e demagoxia están servidas. Cómprenos sabermos diferenciar entre tanta espesura, a xustiza, a dignidade e o futuro que como pobo merecemos. Merecémolo? Dependerá da nosa capacidade de criar pensamento independente .
Gosto das palabras optimistas de Francisco Carballo(ANT,nº1276):”Temos cerebro, técnicas, idioma, tradición, audacia de navegantes. Podemos rir a cachón deses tan gallegos como el gallego
Adela Figueroa naceu en Lugo. É catedrática de Bioloxía-Xeoloxía no IES Lucus Augusti. Participou na fundación de organizacións como ADEGA ou a AS-PG e é tamén portavoz de Nunca Máis en Lugo. Ten xa unha numerosa obra científica e literaria. Na actualidade é presidenta de ADEGA. »