Sen ánimo de xogar aos futuríbeis pódese prever que cando remate a Olimpiada de Pequín os medios de comunicación dirán que o resultado anuncia a emerxencia de China como unha grande potencia deportiva, só comparábel aos EEUU.
Mais non se limitarán a iso. Dirán tamén que o desenvolvimento da Olimpiada puxo máis unha vez de manifesto o declinio de Europa.
Non creo que perdan unha migalla de tempo, non o fixeron tampouco antes, en somar as medallas conseguidas polos Estados da Unión Europa. Con menos da metade da povoación de China e menos ainda se a este Estado lle achegamos os EEUU, os Estados da UE van conseguir máis medallas que as dúas “únicas potencias mundiais”.
De o faceren comprobarían que a 24 de agosto a Unión Europea conseguíu 86 medallas, frente ás 37 de China e as 44 dos EEUU. De momento, só se lles agregamos as 19 da Federación Rusa conseguen sobrepasar á UE.
Para estar por riba de China e EEUU non é preciso contar aos 27 Estados da UE. Abonda con considerar aos que están neste momento mellor situados: Alemaña, Italia, Eslovaquia e Franza, que xuntos teñen 45 medallas. Con algúns máis: Reino Unido, República Checa, Holanda, Romenia e o Estado español, chégase a 79.
A Unión Europea é a primeira potencia económica mundial, tamén a primeira potencia no deporte e en muitos outros campos, algúns deles respeitantes á solidariedade e o respeito dos direitos democráticos e humanos.
Porén, a ideoloxía dos Estados, refletida de modo especial nas interpretacións realizadas nos medios de comunicación, non permite enxergar unha realidade tan evidente. Esa ideoloxía, ao mesmo tempo chovinista e masoquista, nen siquer se permite facer unha excepción recoñecendo á UE nun campo tan determinante na autoestima como o do deporte.
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.