Os dados do cuarto trimestre de 2008 achegados pola Enquisa da Povoación Activa indican que a taxa de desemprego no Estado español atinxíu o 13,91% (prevendo a Comisión Europea que ao final de 2009 chegue ao 19%). O paro galego fica agora no 9,74%, unha cifra que, inda sendo superior á media da UE (7,2% incluindo a paises nos que se sitúa no 2%), é significativamente inferior á media estatal. A porcentaxe galega é inferior ás de Cataluña (11,82%) e Madrid (10,15%), estando mui distante das de Andalucía (21,78%), Canarias (21,18%), Extremadura (17,96%) ou Valencia (14,85%). Lonxe da visión tópica sobre a evolución da economía galega a respeito da española, segundo a cal por culpa do atraso aquí tardarían en chegar tanto as boas noticias económicas como as más, a diferenza galega é debida a causas estruturais que se poden obxectivar.
A economía galega ten hoxe un carácter basicamente industrial e exportador. Sen contar a construción, a industria pasou de 159.000 traballadores en 1986 a 217.000 en 2006, ocupando o 19,2% do emprego total, unha cifra superior ao 18,9 % da media española. Nese último ano Galiza realizou o 8,4% das exportacións do Estado, chegando a unha cifra de 14.324 millóns de euros depois de crecer un 18,7% sobre as cifras de 2005. A exportación atinxíu a terceira parte do producido con porcentaxes mui superiores aos de Madrid ou Andalucia, maiores que os de Cataluña ou o País Vasco e só inferiores proporcionalmente aos de Navarra. Galiza é, en particular, a primeira exportadora e importadora na relación con Portugal.
A evolución galega dependeu menos dos ritmos da economía española que a do resto das Comunidades Autónomas. O crecimento dos últimos anos apenas vivíu da construción e en consecuencia non recebíu unha cantidade significativa dos imigrantes non peninsulares contratados nese sector, que fixeron medrar o emprego (tanto como en toda a UE dicíase irresponsabelmente) e a demografía do Estado: considerábase que os españois eran 45 millóns, tomando por cidadáns estatais a persoas que non tiñan tal carácter, sendo agora as que máis pagan as consecuencias da crise.
Sendo exportadora, e non tan debedora da construción, o comportamento da economía galega semella máis próximo ao europeu que ao estatal. Está menos determinado polas circunstancias do Estado español. Galiza é lider estatal en empresas e sectores (confeción, automobil, pesca e a industria pesqueira e conserveira, construción naval, enerxía eléctrica, produción de aluminio, produción láctea, madeira e a súa primeira transformación, granito, lousa e outros de saliencia) que en grande medida abriron camiños produtivos e comerciais tanto en Europa como en América, África ou Asia.
Naturalmente, no tocante á crise esta consideración global ten que ser contrastada coa realidade interna de cada sector e a de cada unha das empresas. Inditex, Citroen, o porto de Vigo e os demais portos, Pescanova, Barreras e Izar, Citroen, Alcoa, Finsa e outras empresas dos mesmos sectores, se tendo un carácter exportador poden verse en principio menos afectadas por unha crise que afecta especialmente ao Estado español, o que suceda depende das decisións que tomen. Non se pode esquecer que tendo raices estranxeiras, algunhas poden dar preferencia ás factorías instaladas no país da compañía matriz. Axindo en Galiza as principais empresas do Estado e en auxe as enerxías renovábeis, a produción de enerxía eléctrica ten un futuro asegurado. Tamén as industria da telecomunicación e a químico-farmacéutica. A produción láctea ten un mercado peninsular, mais o consumo dos seus produtos -condicionado de todas formas polo comportamento das empresas transformadores que importan leite de Franza- non debería estar especialmente afectado pola crise. A extración e transformación do granito e a lousa, feridas pola caida da construción e tendo en conta a evolución deste sector, dispón tamén dunha saida exportadora.
En todo o caso, máis alá das consecuencias da crise mundial -que a certo prazo dará lugar a unha profunda mudanza económica, tecnolóxica e estratéxica, e a un cambio de sistema económico e produtivo, xa non neoliberal- o paro sobrevenido no Estado como consecuencia da abrupta caida da construción, que afecta de maneira particularmente dura aos imigrantes, vai causar unha duradeira crise demográfica e das finanzas públicas. Non está claro que os poderes do Estado e os autonómicos estexan preparados para encontrar unha solución a este grave problema, que se proxectará tamén sobre Galiza.
Se é así, a economía galega non escapará dos negros efeitos de tanto despropósito.
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.