Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Ourense: último óso popular por roeren socialistas e nacionalistas?

Despois de Vigo, a loita máis priorizada nas estratexias dos partidos é Ourense. Mentres o fraguismo esmorecía, a cidade das Burgas mantívose coma o único bastión urbano do PPdeG. Véntase un posíbel cambio.

Roberto Noguerol - 10:36 14/05/2007
Media ducia de nomes corricaran polos mentideiros ourensáns como posíbeis substitutos de Manuel Cabezas á fronte do PPdeG ourensán. Ben é certo que, para ser estritos, á fronte real dos populares ourensáns hai un único líder: o presidente da deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar.

Complicacións pos-sucesorias en territorio Baltar
Os tirapuxas sucesorios quixeron que o tan hábil como flexíbel patrón dos populares da provincia lle garantise a Núñez Feijoo un relevo sen estridencias. A conversión de Baltar ao oficialismo logo do pulso de despedida a Manuel Fraga garantiu unha inesperada oportunidade para o reaxir do PP ourensán. Boinas, birretes e boirretes tiveron a ocasión de pactar equilibrios, consensuar un relevo sólido e parchear as fendas internas que contribuían á perda de cota na cidade. Máis non foi tan simple.

Constatado que, despois dun longo enfrontamento con Baltar, Manuel Cabezas renunciaba a repetir candidatura, na busca de relevo abrollaron varios nomes: o presidente da patronal local, Francisco Rodríguez, os médicos Miguel Pérez e Rosendo Fernández, mesmo o fillísimo Xosé Manuel Baltar. O dedo baltarista tamén tiña os seus vetos claros, coma é o caso de Inmaculada Rodríguez, valor crecente no seu momento entre a nova fornada popular e dimitida polas presións desde o trono deputacional.

Xa que logo, o protagonismo sucesorio correspondeulle finalmente a Enrique Nóvoa, até daquela concelleiro de urbanismo, e lastrado de irregularidades derivadas da súa actividade no sector da construción. Os prognósticos máis optimistas non lle garanten que poida seguir o ronsel das tres maiorías absolutas gañadas por Cabezas desde 1995.

PSdeG: A indefinición cómoda mentres se recompoñen pezas
Vai para seis anos que a dirección do PSdeG lle meteu man ao fervedoiro do socialismo ourensán disolvendo a agrupación local e abrindo un trebón que aínda non escampou. Ás portas das eleccións de 2003 o candidato Abelardo Gabriel facía espantada e a cubrir oco chegaba improvisadamente Francisco Rodríguez. Das urnas, o PSOE saía como terceira forza. Ao ex candidato socialista, Antón Troitiño, quen daquela quedaba apenas a unha presa de votos de conseguir representación no Concello cunha lista independente, atribuíanlle a responsabilidade de minguar a saca do PSdeG local.

Mais no último treito, o PSdeG non deixou de acumular boas cifras en cada cita coas urnas. O efecto Zapatero en 2004 ou o impulso cara ao cambio de goberno en 2005, insinuaron gorentosas perspectivas entre os socialistas ourensáns. A estratexia local baséase nesa inercia externa: o poder gañado fóra da cidade inxecta doses de comodidade mentres van encaixando outra vez as pezas do partido. Porén, desta volta o factor Troitiño xogará tamén no escenario, con renovada estratexia e apuntado agora á marca do Partido Galeguista. A cota que tire do espazo electoral socialista podería ser importante no reparto final dos equilibrios municipais.

BNG: Confiados en facer baza sen xogar o ás
Alexandre Sánchez Vidal liderou o BNG ourensán durante unha traxectoria de incremento continuo de apoios. En 2003 as urnas concedéronlle unha das subas significativas que o BNG tivo no contorno urbano, alén do forte salto de Tello na Coruña, podendo así exercer o liderado opositor a Cabezas durante este tempo.

E porén, os nacionalistas manexaron durante algunhas semanas unha carta importante cara ao combate ourensán: a de Alfredo Suárez Canal. No empate técnico que algúns vían entre a oposición municipal, o actual conselleiro do Medio Rural aparecía coma un factor decisivo para virar a loita en favor do Bloque. Con todo, a confianza da executiva nacionalista no actual voceiro no Concello queda avalada polo empurre da relevante compoñante ourensán na propia Xunta. O protagonismo político dos ourensáns a nivel galego, con Anxo Quintana á cabeza, turra forte en favor da oportunidade para o nacionalismo na cidade das Burgas.

Movéndolle os marcos ao PPdeG
Socialistas e nacionalistas non escatimarán esforzos. O PSdeG xa abriu oficialmente a campaña en Ourense coa presencia do secretario xeral, Emilio Pérez Touriño. E o BNG escolleu Ourense para pechar campaña, con presencia do voceiro nacional, Anxo Quintana.

Unha reedición dos malos resultados nas urbes nos comicios anteriores unida á caída do fortín ourensán sumaría un balance complicado de xestionar para o PPdeG. Os delicados equilibrios locais entre o sector Feijoo e o sector Baltar estragaríanse. E a perda do poder na cidade implicaría ademais unha fenda aberta no celeiro que máis gran electoral vén acubillando para os de Núñez Feijoo. Nesta batalla os populares sacarán toda a artillería para espantar os ratos que veñen roer no barrelo ourensán do partido. Así por exemplo, será a única cidade onde estea durante a campaña o líder en Madrid do partido, Mariano Rajoy. Até o 27M a ferventía política fará subir as temperaturas políticas un chisco máis do habitual a pé das Burgas.

Novas relacionadas

O PPdeG só tería opcións de manter o goberno local de Ourense

O BNG sitúase como segunda forza na Coruña e con opcións de tirar a maioría absoluta de Losada.

O fortín ourensán do PPdeG comeza a desinchar

Feijoo mitineou en Verín, Francisco Vázquez reapareceu na Coruña e Quintana céntrase nas vilas no inicio da campaña....

Abre a campaña con Vigo e Ourense coma fortíns máis cobizados

Incerteza e expectación fronte aos primeiros comicios locais despois da histórica viraxe na Xunta, coa caída do PPdeG e a chegada ao poder de PSdeG e...

A volta

Enrique Nóvoa: "Fun membro do grupo de Manuel Cabezas, a quen considero o mellor alcalde que tivo Ourense na súa historia. O Partido Popular leva doce anos gobernando en Ourense. Os resultados dese traballo, un traballo en equipo, están á vista. Ninguén fixo nunca tanto por Ourense nun período tan curto de tempo"

A volta

Alexandre Sánchez Vidal: "Hai un goberno que leva doce anos e hai máis de catro anos que é evidente que o seu proxecto está morto. É un zombie, sen contidos. O goberno municipal é un problema porque estamos a ser cuestionados en todo o que se fai desde el. É imperativo un cambio"

A volta

Francisco Rodríguez: "Se o que está Baltar pretendendo con este candidato mandado é gobernar a cidade, que asuma el a responsabilidade, que sexa honesto cos cidadáns, e que sexa Baltar o que se presente coma candidato. Síntoo polo actual candidato que, tal vez, leve demasiado tempo sendo o mandado: primeiro de Cabezas, e agora de Baltar"

4,85/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O reparto que saiu das urnas en 2003
O reparto que saiu das urnas en 2003
Enrique Novoa, candidato do PPdeG
Enrique Novoa, candidato do PPdeG
Alexandre Sánchez Vidal, candidato do BNG
Alexandre Sánchez Vidal, candidato do BNG
Francisco Rodríguez, candidato do PSdeG
Francisco Rodríguez, candidato do PSdeG