Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

O Morrazo: A esquerda prepara o regreso a Cangas

Botámoslle un ollo ao escenario municipal da comarca que conforman Bueu, Marín, Moaña e Cangas.

Redacción - 12:00 23/05/2007
Cangas
A percepción na vila canguesa é que o actual alcalde, Xosé Enrique Sotelo, vive as súas últimas semanas no poder. Marxes relativamente pequenas outorgáronlle sucesivas maiorías en 1999 e 2003. Hai oito anos, apenas 400 votos apartaran ao BNG da alcaldía, malia conseguiren daquela os nacionalistas un significativo aumento de votos. En 2003, os populares reeditaban a maioría con só 44% do total dos votos. As expectativas non son boas para os de Sotelo, quen ademais xa non conta a nivel do partido co estreito apoio que sempre lle concedera Xosé Cuíña.

Dunha beira, sufrirá erosión a través da candidatura de Nando Faro, ex concelleiro do PPdeG, que coa marca Unión de Parroquias Canguesas, acode a estes comicios coa recoñecida intención de erosionar os nichos de voto do PP local e impedir que revalide a absoluta. Doutra beira, destaca a capacidade de varias formacións de esquerda de xuntar esforzos para esta cita para facer valer o importante número de votos conseguidos por separado noutras citas malia non rendabilizalo daquela en número de concelleiros. Así, na Alternativa Canguesa de Esquerdas, que suma á FPG, que con case un milleiro de votos só tirara un asento en 2003; a INMO que quedara fóra e a Esquerda Galega, e aspira a entre dous ou tres concelleiros. Os pactos poselectorais poderían configurar un novo goberno local co BNG á fronte, liderado por Clara Millán, e que podería aumentar de 6 a 7 escanos, segundo as sondaxes. No acordo entraría ademais o PSdeG, que con novo candidato se mantería en 3 ou mesmo perdería un concelleiro.

Moaña
O PPdeG conseguiu pechar a ferida da escisión da Agrupación Popular de Moaña, pero parece complicado que a volta da APOM á familia popular vaia traducirse na suma directa dos asentos dos que estaban gozando até o de agora cada un dos dous grupos. Así e todo, a barreira da absoluta para Moaña queda nos 9 representantes, que semellan imposíbeis para a caída agoirada para o PP local.

Xa que logo, Xosé Manuel Millán, actual alcalde e candidato do BNG podería mesmo aumentar a representación de 5 concelleiros da que goza actualmente. Atrás del en 2003 estiveron o PSdeG, con 2 asentos, e que renova candidatura con Víctor Pastoriza á fronte, e Independentes do Morrazo, con Euloxio Santos, que mesmo podería brincar por riba dos socialistas.

Bueu
O Concello de Bueu remata o ciclo de goberno cunha axitada traxectoria. En 2003, as urnas concedéranlle 7 asentos ao PPdeG, 3 ao BNG e 2 ao PSdeG. A clave estivo nos 2 concelleiros conseguidos polos Independentes de Bueu. Nun primeiro momento, esta lista decidiu integrarse nun goberno en minoría liderado por Félix Juncal, candidato do BNG, pero andados os meses houbo trasacordo, e apoiaron unha moción de censura do PPdeG. Se os agoiros de perda de apoios para PP e Independentes se confirmasen, a clave en Bueu estaría na capacidade de BNG e PSdeG para facer un pacto conxunto.

Marín
Hai catro anos, Francisco Santiago conseguiu para o PSdeG repetir resultados e volver sentar os seus 8 concelleiros cunha lista similar á que os socialistas presentaran en 1999. Daquela, a división interna do BNG e a conformación da lista Marinenses Independentes, rematou en 3 asentos para cada un dos grupos políticos, aínda que con pequena vantaxe en votos dos independentes. Co PPdeG en 7 concelleiros, a situación facilitou que o PSdeG optase por Mar-In para o pacto de goberno. Está por ver se o BNG tira froito do labor de oposición e da experiencia acumulada por un grupo local que afrontou unha forte renovación en 2003. Mentres, os independentes amósanse ambiciosos cara a un aumento de representación apoiados nunha candidatura onde destacan a representación do movemento veciñal.

Novas relacionadas


A volta

O Morrazo afronta fortes presións do sector inmobiliario, e as leas arredor do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cangas son bo exemplo dos problemas. Especialmente neste concello, o planeamento urbanístico é unha clave decisiva para a tarefa do goberno que saia das urnas.

A volta

"Que eu saiba non está prohibido", aseguraba o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, do PPdeG, despois de inaugurar ás portas das eleccións un polideportivo en Bueu, e malia as cancelas que as normas electorais estabelecen para este tipo de actos.

A volta

Os conflitos internos do BNG en Marín que deran en escisión da formación, deixaron feridas aínda sen curar. Os independentes non se amosan moi en favor de hipotéticos acordos co Bloque para a formación de goberno.

4,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os resultados en 2003 en Cangas
Os resultados en 2003 en Cangas
Así quedou o Concello de Moaña en 2003
Así quedou o Concello de Moaña en 2003
O reparto de asentos en 2003 en Bueu
O reparto de asentos en 2003 en Bueu
As urnas tiraron este mapa municipal en Marín en 2003
As urnas tiraron este mapa municipal en Marín en 2003