Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN EN CAIXAFORUM

Rodin, a emoción do inacabado

Obras rodinianas e doutros trinta artistas pódense disfrutar na exposición Rodin i la revolució de l’escultura. De Camille Claudel a Giacometti, en CaixaForum, centro cultural da Caixa de Pensións que, a remolque da Pedrera-Caixa de Catalunya (¡bendita competencia!) ofrece atractivas exposicións a moradores e visitantes de modo gratuíto. Aí, agarda por nós o vibrante arrepío do Bico, o monolítico Balzac , a interrogante pechada do Pensador. ¿Qué engaiola de Rodin? ¿Que o fai máis provocador, ser o último escultor grego ou ser o pioneiro da vangarda clasicoclasta? Por Lito Caramés.

- 20:06 26/12/2004
Tags:

Nesta aldea global obsesionada polo ‘ranking’ e polos ‘guiness’, acaba de coñecerse que, para críticos e artistas, a obra de arte máis influínte de todo o século XX foi "Fontaine" (Fonte), de Marcel Duchamp (a consagración como peza artística dun urinario, con perdón). Non sei cal sairía, de facerse tal aventura, no tocante á centuria decimonónica, pero estou seguro que máis dunha escultura de Auguste Rodin (1840-1917) ocuparía primeiros postos. Ser o último grego (2.500 anos despois) ten o seu mérito. A Idade de Bronce carrexa o ‘contraposto’ de Policleto, por non preguntar qué ten de Discóbolo o Pensador. Dicir isto do escultor amigo de impresionistas, que habita un continente industrializado e se marabilla coa fotografía, pode ser anacrónico. Pois si. Rodin é un artista poliédrico, múltiple. E isto non é todo. A visión do Home que camiña guíndanos á plenitude do s. XX. Brancusi, o escultor abstracto –por poñer un caso–, recoñecía a súa débeda co artista que tiña sempre máis dun modelo movéndose polo estudio: "Sen as súas investigacións, a miña obra sería imposible".

A exposición responde ó título: setenta obras de Rodin e máis de trinta dos que o seguiron mostran o compromiso cos tempos modernos, o pulo da estatuaria ó movemento continuo, á emoción do fragmento. Está moi presente Camille Claudel, a discípula aventaxada, a musa directa de moitas obras e a amante por anos de Auguste. Tamén se atopan pezas de Bourdelle, Desbois e Clarà, Matisse, Chillida e Gargallo, Brancusi, Zadkine, Picasso e Giacometti.

De botar en faltar algo na exposición, este algo sería algunha obra anterior a Rodin, para observar o academicismo mitolóxico que se estilaba no século XIX e comprobar mellor a ruptura que liderou e os novos vieiros abertos. Xa postos, viría ben ter nesta exposición un (ou máis) dos escravos de Miguel Anxo Buonarrotti. A influencia do tallador do David é fundamental; a influencia do artista maduro e atormentado, do que deixa seres humanos emerxendo da pedra, do que non remata a Pietà Rondanini: dúas figuras sen físico, todo espíritu dorido. A pegada do florentino séguese no Pensador, na Eva, nas anatomías da Porta do Inferno (inspiración de Dante, outro florentino) e en todas as rochas e materia sen alisar.

As mans de Rodin teñen ánima artesá. Sempre que pode traballa os volumes, busca a posición, a tensión nas anatomías, manipulando o barro directamente coas mans. É esta unha das súas aportacións ó traballo escultórico. O contacto directo coa materia moldeable permítelle xogar coas texturas; unhas veces moi polidas e outras rugosas, como se deixara o traballo a medio facer. A importancia das mans, a sensualidade dun xesto. Rodin tiña o estudio cheo de mans e brazos que fora artellando á vista dun modelo, dunha actitude, gardadas en caixóns, de onde saían para formar parte dun corpo ou grupo escultórico. Hai obras, en troques (A Catedral) que só son mans. Nestes casos o modelador é un deus creador.

Como último romántico, Auguste Rodin busca a emoción, a tensión en calquera superficie. E busca esa tensión interna en figuras humanas; na Humanidade. De Balzac, a Víctor Hugo, pasando polo Pensador e pola Meditación, os seus bronces, mármores e xesos van máis aló da forma concentrada ou expansiva, e indagan no quen somos. Cando unha das súas obras pensa, todo o corpo se esforza; cando camiña faino con dificultade, polo cantil que abeira o novo século, e as guerras, e as matanzas.

Rodin axuda a revolucionar a escultura ofrecendo obras que semellan inacabadas; esa cualidade provocadora que as enche de vida. Diante das texturas rugosas e dalgúns membros (que son todo), o autor da Porta do Inferno invítanos a dicir a nosa da obra. O espectador é protagonista tamén do proceso creador. O inacabado invoca o movemento, a emoción de cada espectador que, diante da pregunta "¿que lle falta?", engade outra interpretación, re-inventa a peza. O anaco é desde agora a obra completa, de mil suxerencias ás nosas preguntas.

A exposición remata co Home que camiña, de Rodin (1907) e co de Giacometti (1960). ¿Que é esta obra de Rodin? Na posición das pernas recorda un kouros grego, unha estatua clásica rescatada dunhas excavacións. Pola contra, o torso sen brazos devólvenos á actualidade. É un acerto que a exposición remate con esta obra. É un bo resumo do que representa Rodin: referencias clásicas, o modelado do barro a man, sen cabeza, construida a golpe de moldes sobrepostos, en actitude máis de exercitar unha acción de forza ca de camiñar; unha anatomía convulsa (¿a inquietude dun adan a medio facer?), a emoción contida nun corpo que ía para Xan Bautista e que quedou tensando o propio xeso, tatexando interrogantes ó século que comezaba.

As influencias son en moitas direccións, como mostra a exposición; influencias que chegan á escultura cubista de Gargallo, ás superficies abstractas de Brancusi e ós inquietantes seres mínimos de Giacometti. ¿Que diría Acisclo Manzano, de preguntarlle? As influencias, directas ou lonxanas, encóntranse sen buscar moi lonxe: na sala Xina ART, o Baranga anda na procura dun país. Algunhas das obras que exhibe, case-monocromas (Albania, Na Procura dun País, Tecnoloxía Punta), recorren ó volume, ós corpos suxeridos para conmover; fan o camiño desde o misticismo do icono bizantino ás superfícies táctiles de Rodin.

¿É Auguste Rodin o artista máis influínte do s. XIX? A resposta pode estar en CaixaForum. Alí agarda a suxestión do inacabado, o interrogante estimulador.
_____________________
Exposición:
Rodin i la revolució de l’escultura. De Camille Claudel a Giacometti
Do 29 de outubro de 2004 ó 27 de febreiro de 2005
CaixaForum, Av. Marquès de Comillas, 6-8 (Barcelona)
Horario: de martes a domingo, de 10 a 20 h.
Visitas comentadas e gratuitas: martes e xoves, ás 12,30 e ás 18 h.; sábados, ás 11 e ás 17 h.


0/5 (0 votos)