Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Publicación Murguía

RSS de Publicación Murguía
MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE MONFERO

Edición crítica dun pergameo procedente do corpus documental

Dentro da documentación custodiada no arquivo da Real Academia Galega, na cidade da Coruña, consérvase o texto obxecto deste estudo, que forma parte do corpus documental do mosteiro de Santa María de Monfero. O escrito recolle unha copia da doazón de certas propiedades feita polo nobre Fernán Pérez de Andrade ó cenobio de Monfero, co obxecto de que os monxes oficiasen unha misa cada día pola salvación da súa alma. Este documento de carácter privado foi redactado o 21 de marzo de 1373, e a súa copia data do 2 setembro de 1395, dous anos antes da morte do nobre brigantino.
Fernán Pérez de Andrade, chamado "O Boo", era fillo de Rui Freire de Andrade e de Inés González de Soutomaior, como se indica ó comezo do texto que nos ocupa1. O espectacular ascenso social e o grande prestixio acadado pola da casa dos Andrade na época veu motivado por causa do seu posicionamento a favor de Henrique de Trastámara no seu enfrontamento co seu irmán, o rei Pedro I "O Cruel"2. De feito, algúns estudosos destacan o papel preponderante de Fernán Pérez de Andrade na denominada Traxedia de Montiel, o 23 de marzo de 1369, cando o rei foi asasinado polo seu propio irmán3. A implicación do nobre galego na contenda dinástica tivo tal importancia que, como recompensa, Henrique II converteu o señorío dos Andrade nun dos patrimonios máis poderosos de Galicia na época ó facerlle doazón real dos señoríos de Ferrol e Pontedeume nun privilexio datado o 19 de decembro de 1371.

- 08:30 05/12/2006
Tags:

Dous anos despois recibiría así mesmo o señorío de Vilalba4. Grande afeizoado á realización de obras civís, Pérez de Andrade financiou a construción de castelos como os Moeche, Naraío, Vilalba ou Andrade, pontes como a de Pontedeume, igrexas na cidade de Santiago de Compostela e conventos como o de San Francisco en Betanzos, onde foi soterrado despois da súa morte en agosto de 1397 nun sepulcro considerado unha das xoias principais da escultura gótica en Galicia. Non tivo fillos coa súa muller Sancha e legou no seu sobriño Pedro Fernández de Andrade, continuador da liñaxe. Durante a súa vida, foron moitos os mosteiros que recibiron beneficios por parte deste nobre en forma de doazóns de diversa índole, como se pode ver no presente documento, adscrito precisamente esta tipoloxía. É coñecida a especial amizade de Fernán Pérez con mosteiros como Caaveiro ou Monfero, sustentada por importantes intereses económicos, aínda que este último cenobio foi, con moito, o principal agraciado polas súas doazóns e privilexios, sempre en detrimento doutros mosteiros enfrontados coa casa dos Andrade, como Sobrado5.
O mosteiro cisterciense de Santa María de Monfero localízase na provincia da Coruña, na comarca do Eume, e estaba adscrito á diocese de Santiago, partido xudicial de Betanzos. No Antigo Réxime moitas outras parroquias figuraban dentro da xurisdición do mosteiro de Monfero, por causa de innumerables doazóns de herdamentos e freguesías que converteron este cenobio nun importante señorío eclesiástico na época medieval. A súa orixe data do século XII, concretamente do ano 1134, nun cenobio cisterciense fundado co apoio do conde de Traba e de Afonso VII6. Outras fontes atribúen a súa creación o 3 de abril de 1114 a Afonso VII a instancias de Afonso Bermúdez e Pedro Osorio, da casa dos Osorio, logo marqueses de Astorga. Esta última datación parece pouco fiable, xa que naquel tempo o rei sería aínda un meniño de pouca idade. Polo tanto, considérase máis probable que o mosteiro de Monfero fose fundado en 1134, cando un grupo de monxes bieitos crearon unha nova comunidade monacal dende o cenobio de Santa María de Valverde, despois denominado Santa María de Carracedo7. En 1201 a comunidade adoptou a reforma cisterciense e someteuse mediante un traspaso de filiación á xurisdición do mosteiro de Sobrado.
Monarcas como o devandito Afonso VII8 ou seu fillo Fernando II dotaron de numerosos privilexios reais ó mosteiro de Monfero durante a súa etapa de máximo apoxeo, que se sumaron a moitos outros beneficios aportados por nobres e particulares. Desta forma, o cenobio de Santa María converteuse nunha comunidade dotada cun importante patrimonio, o que provocou non poucas envexas entre a nobreza ou outros señoríos eclesiásticos9, concretadas en forma de diversos atropelos nos que en numerosas ocasións os monxes tiveron que apelar á intercesión real.
O mosteiro de Monfero sufriu durante os séculos XIV e XV diversas e intermitentes etapas de crise motivadas por causas como o declive do sistema foral nos séculos XIV e XV, base fundamental da subsistencia de calquera mosteiro galego da época, ou os antes mencionados abusos levados a cabo polos señores feudais en Galicia con respecto ó uso de propiedades monásticas. De feito, o crecemento económico da nobreza galega realizouse moitas veces a costa dos cenobios. Pero máis ca estes abusos, a miúdo de orde foral e corrixidos pola xustiza, afectou ó patrimonio monástico a reforma monacal, derivada da visita dos Reis Católicos a Galicia no ano 1486, cando os monarcas decidiron promover un cambio profundo nos mosteiros beneditinos galegos, que despois estenderían ó resto dos seus dominios. Estas reformas trouxeron consigo profundas repercusións sociais e políticas, provocadas pola grande perda de poder que sufriron os antes poderosísimos cenobios galegos. Os cambios máis relevantes contemplaban a supresión dos abusos e de todo tipo de privilexios opostos á observancia regular, ou a remoción de abades e priores se a súa conduta non se axeitaba ás obrigacións do seu cargo10. O proceso de reforma monacal, inspirada na política centralizadora dos Reis Católicos e imposta dende Castela, iniciouse en Valladolid no ano 1493 e chegou a completarse en Galicia no ano 1506, cando Santa María de Monfero sufriu -así como moitos outros mosteiros en Galicia na mesma época- a anexión á Congregación de Castela. Dita anexión provocou o abandono da observancia da regra e do hábito de moitos monxes, descontentos coa nova situación. Aínda así, poden detectarse ó longo dos anos sucesivos intentos de reagrupación monacal. No século XVI a comunidade iniciou un proceso de reconstrución do mosteiro, proxecto que se viu interrompido pola invasión francesa de 1808. Completouse desta forma un lento proceso de decadencia que concluíu finalmente coa desamortización de Mendizábal e a conseguinte exclaustración monacal e definitivo abandono do edificio no ano 1835.
O documento que nos ocupa é unha copia parcial doutro escrito redactado o 21 de marzo de 137311 que recolle a doazón, baixo certas condicións, de diversos herdamentos para a constitución da Granxa de Saa, na freguesía de San Xulián de Senra, en presenza do abade de Monfero Fernán Martís e do propio Fernán Pérez de Andrade12. Trátase dun texto adscrito á tipoloxía documental das denominadas cesións piadosas ou pro anima, é dicir, compromisos de índole relixiosa contraídos cos cenobios e resoltos mediante doazóns, normalmente de terras, partes dunha colleita ou bens inmobles. Deste tipo de cesión eminentemente territorial derivan dúas das características principais dos señoríos eclesiásticos galegos, isto é, a súa fragmentariedade e dispersión (García Oro: 1969: 547). As doazóns eran un dos principais medios cos que contaban os señoríos eclesiásticos para acrecentar o seu patrimonio. A maior parte dos documentos adscritos a esta tipoloxía incluían cláusulas explicativas do tipo pro remedio anime mee, xa que se consideraba que a consecución de bens celestiais podía acadarse mediante a doazón de bens terreais. En realidade, moitas veces tratábase de pagos compensatorios en agradecemento por favores previos de diversa índole13 (Andrade Cernadas: 1997: 52)...


5/5 (1 votos)