Documento que na fase Inicial ou de “avance” nin sequera pasou polos regulamentarios 30 días de información pública de “suxerencias”, polo cal non se tivo en conta a legal e obrigatoria participación social, incumpre a Lei 9/2006, de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente ó non haber unha análise obxectiva do entorno, non existir unha definición de obxectivos e prioridades coherentes coas variables e os criterios fundamentais a considerar no procedemento de Avaliación Estratéxica Ambiental (Consumo de Solo, Ciclo Hídrico, Enerxía, Emisións contaminantes, Xestión de Residuos, Actividades Económicas, Integración Social, Medio Natural, Medio Rural, Medio Urbano, Rehabilitación e renovación Urbana, Mobilidade Sustentable e Vivenda), non existir unha determinación de impactos significativos e análise de alternativas, non existir medidas preventivas xa que non se seleccionaron alternativas e non existir un establecemento do sistema de seguimento e control da implementación do PXOM, así como as medidas ou mecanismos previstos para a reducción ou eliminación de novas afeccións non previstas que poidan xurdir.
A maiores non posúe un Plan de mobilidade, non contén un mapa de ruido nen cartografía de risco de incendio forestal segundo cos PDID (Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Distrito), non contén un mapa topográfico nin mapa xeolóxico.
Omite deliberadamente na súa memoria a existencia no municipio do espazo natural Montes do Morrazo, protexido dende o ano 1992 a nivel urbanístico polas NN CC e SS da COTOP, xa que despóis é afectado dentro do seu territorio por dous proxectos de parque empresarial, un deles de máis de 1.000.000 de m2 como Solo Urbanizable Delimitado (SUD) cando segundo a LOUG ten que ser catalogado como Solo Rústico de protección de Espazos Naturais. Outros tres proxectos de zonas industriais propostas afectan ó leito e área de ribeira do río Loira, núcleos poboacionais cercanos e a solo agropecuario, sin expoñer que tipo de industrias, toxicidade dos productos, análise de ruidos, nin cal vai ser a capacidade das redes de abastecemento e saneamento que se van instalar. 6 sectores propostos como SUD Residencial invaden os 200 metros de liña de protección de solo rústico de protección de Costas, segundo a LOUG, arredor dos núcleos rurais de Mogor, Loira, Aguete ata Ardán. 16 sectores propostos como SUD Residencial e industrial invaden solo rústico de protección Agropecuaria, segundo a LOUG.
Propón como actuación a canalización das desembocaduras do río Loira e do Lameira nos derradeiros 350 e 400 metros respectivamente, contravindo a Lei 29/1985, de 2 de agosto, de Augas. O apartado da MEMORIA do abastecemento de augas do PXOM recoñece que a conta de dar servizo a ese desmesurado número de vivendas propostas, necesita 13.300 m3 máis de capacidade de abastecemento e prevé dous novos depósitos de 10.000 m3 de capacidade cada un para usos residenciais e industriais, destinando os 12.100 m3 actuais para dar servizo ás 17.281 vivendas previstas en Solo Urbano Consolidado. A pesar de que o PXOM recoñece que “na actualidade só o núcleo urbano do municipio e as parroquias de Mogor, Seixo e Loira posúen rede do saneamento”, que “nas zonas rurais onde existe non teñen separación de augas pluviais” e que “ hai grande cantidade de fosas sépticas en vivendas para uso particular”, polo cal non existe realmente un saneamento integral, promove un desmesurado crecemento urbanístico que nin sequera contempla que as augas residuais municipais se depuran na EDAR de Placeres, dentro do municipio limítrofe de Pontevedra, onde na actualidade se están a tratar ademáis as augas residuais do municipio de Poio e as do complexo industrial ENCE-ELNOSA, xa de por si saturado e con problemas de depuración de cara a ría de Pontevedra.
Non se especifica cal vai selo tratamento da augas nos Solos Urbanizables Delimitados de uso predominante industrial, xa que no apartado de SANEAMENTO da MEMORIA só se limita a dicir arbitrariamente que “deberán, obrigatoriamente, prever tratamento das súas augas”. Non se lle da a correspondente importancia (non existe un apartado que o trate) á xeración de Residuos Sólidos Urbanos, e só existe un breve texto no apartado 2.1.2 de Xestión da auga e residuos urbanos no Estudo de Sostibilidade Ambiental, Impacto Territorial e Paisaxístico, no que se menciona que a totalidade dos residuos xenerados no municipio son recollidos por unha empresa que os envía ó centro de transferencia de Ribadumia, mais recoñece que na actualidade o vertedeiro municipal está “parcialmente” selado e que hai “presenza de vertedeiros ilegais, respecto a que non existen inventarios, relaciónase basicamente con enseres e sobre todo, con residuos de construcción e demolición”. Tendo en conta o elevado crecemento urbanístico estimado polo PXOM non se propón ningún tipo de avaliación enerxética, limitándose o mesmo a mencionar que “o termo municipal recibe a tensión eléctrica a traveso das subestacións de Lourizán, Ponte Sampaio e Cangas que alimentan os centros de transformación a baixa tensión”. O PXOM a exposición pública non tivo en conta a maioría das consideracións e correccións propostas en xuño do 2006 pola Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes no Informe previo á aprobación inicial do mesmo.
Os colectivos integrantes da Coordinadora pola Defensa do Litoral do Morrazo (Colectivo Nacionalista de Marín, Asociación Veciñal O Tombo, Luita Verde, Foro Social de Cangas, Anduxía e A. C. A Tiradoura,), a Federación Ecoloxista Galega e o Grupo Ecoloxista Luita Verde os días 7 e 8 de maio de 2007 e no prazo legalmente establecido, apresentaron alegacións e Solicitaron a anulación total do PXOM presentado e a elaboración inmediata dun novo PXOM co debido e legal proceso de participación social, que cumpra realmente coa lexislación estipulada (Lei 9/2006 e LOUG) e que conteña un Estudio de Sosteniblidade Ambiental, Impacto Territorial e Paisaxístico en condicións, e baseado nun crecemento sostible, compatibilizando o uso residencial e industrial coa protección do medio natural e cultural. Solicitamos asimesmo que no novo PXOM sexan propostos o contorno do Lago Castiñeiras, o Outeiro de Campolongo e carballeiras de Pastoriza, e o Monte Castelo de Ardán como Espazos Naturais de Interese Local e as Brañas de Castiñeiras e as de Corno Pineda como Humidais Protexidos. En total se presentaron arredor de 3000 alegacións o PXOM de Marín.
O PXOM tampouco tivo en conta a ordenación do porto, e actualmente a Autoridade Portuaria de Marín promove como “integración urbana” un “centro comercial de ocio” dentro das súas instalacións, dependentes do Ministerio de Fomento.