INCUMPRIMENTO DO DECRETO 81/1989 NUNHA PARCELA DA COMUNIDADE DE MONTES DE PIÑEIRO, NO CONCELLO DE COVELO
Conxuntamente, a Asemblea do Suído e a Asociación pola defensa da Ría (APDR), veñen de presentar, diante da delegación de Pontevedra da Consellería do Medio Rural unha denuncia administrativa contra a filial forestal de ENCE, NORFOR, polos danos que está a producir na Serra do Suído onde está realizando unha plantación de eucalipto en réxime de monocultivo nunha zona con fortes pendentes ocupada anteriormente por vexetación natural.
Asemblea do Suído, Asociación pola Defensa da Ría (APDR) - 14:05 24/05/2007
Os prexuízos medioambientais que están a provocar as plantacións de eucalipto en réxime intensivista fanse cada vez máis evidentes. As técnicas utilizadas por NORFOR para preparar o terreo e establecer a plantación implican unha forte agresión ao solo ao levantar e inverter o seu perfil con maquinaria pesada, en sucos a favor da pendente, deixándoo exposto á acción da erosión o que, coa chegada das chuvias, significa o seu arrastre cara á rede de drenaxe fluvial; neste caso, a forte pendente das ladeiras dos montes onde se está a realizar a plantación denunciada é un factor de risco engadido que favorece a eliminación dos materiais que formaron parte do solo.
Os destrozos na zona, implican a desaparición da vexetación natural existente antes da realización da plantación. A eliminación do solo por erosión supón tamén a desaparición da vexetación a el asociada e a substitución por outra adaptada ás novas condicións de regresión. Por outro lado, a medida que as árbores medren, é practica habitual en NORFOR a eliminación da vexetación que compite cos eucaliptos con herbicidas, en tratamentos que sole aplicar cada dous anos, co que esta acabará por desaparecer totalmente.
A denuncia e solicitude de intervención da Consellería do Medio Rural que a Asemblea do Suído e a Asociación pola defensa da Ría veñen de presentar, refírese a unha plantación de eucaliptos que a empresa NORFOR está a realizar no Concello de Covelo, probablemente dentro do ecosistema que o goberno galego ten decidido incluír na rede NATURA 2000, a Serra do Suído, con límites aínda por establecer. A plantación afecta a unha área que se aproxima aos 500.000 metros cadrados e ten producido graves danos no ecosistema existente e destrozos que están a disparar os procesos erosivos e que están a transformar as características físicas e biolóxicas nunha zona de grande valor ambiental, iniciando un proceso de regresión que se faría máis profunda a medida que medrasen as árbores da plantación.
Con esta denuncia, a Asemblea do Suído e a Asociación pola defensa da Ría queren facer unha chamada a Administración e á cidadanía para que se mobilicen na defensa do escaso patrimonio natural que ten sobrevivido á unha política forestal imprudente e irresponsable e na defensa dos nosos montes como fonte de usos e servizos ás comunidades e á sociedade en xeral evitando as prácticas que destrúen irreversiblemente os recursos básicos dos sistemas forestais: o solo e a biodiversidade.
É necesario destacar que NORFOR posúe dúas certificacións “verdes” a do PEFC e a do FSC (Consello de Manexo Forestal), o que ven a demostrar que estes selos de suposta xestión forestal sostible non son en realidade máis que instrumentos maquillaxe ao servizo das empresas que ocultan a realidade das peores e máis destrutivas actividades forestais coma os monocultivos de eucalipto con forte impacto ambiental que xestiona NORFOR.