Recibiu queixas da actuación de Padrón, Ribeira, Cedeira, Ordes e Ourense.
A secretaría xeral de Política Lingüística recibiu queixas de cinco concellos que supostamente incumpren a normativa sobre o idioma. Catro das denuncias, en Padrón, Cedeira, Ordes e Ourense, chegaron dende A Mesa pola Normalización Lingüística, mentres que na quinta, o caso de Ribeira, foi a propia secretaría xeral a que actuou de oficio.
Padrón e Ribeira foron motivo de reclamacións polo incumprimento da toponimia; Cedeira, por non usar o galego na súa web municipal; Ordes, por excluír a lingua nun edicto, e Ourense, por discriminación nun proceso selectivo.
Os datos facilitounos a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, respondendo unha pregunta do parlamentario do BNG Bieito Lobeira. En todos os casos, as queixas chegaron a través da internet.
López lembrou que o uso do idioma na administración local “ten carácter imperativo”. Bieito Lobeira botou en falta unha actitude política máis activa á hora de detectar os incumprimentos. Os dous representantes políticos coincidiron en amosar a súa confianza en que co novo mapa político municipal mellore o cumprimento da normativa en vigor.
Marisol López anunciou, ademais, que en decembro se constituirá o Consorcio de Planificación Lingüística, formado pola Xunta, concellos, deputacións e Fegamp, co obxectivo de coordinar os servizos municipais de normalización. Tamén lembrou o “histórico” protocolo asinado con Cataluña e Euskadi para colaborar en materia de política lingüística.