Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
¡Que se cumpra a Lei!

A “APDR” denuncia a absoluta inoperatividade da xunta no tema “ENCE”

A “Asociación Pola Defensa da Ría” considera que a Xunta de Galicia non está abordando o tema do complexo ENCE-ELNOSA co rigor e a decisión política que o asunto require, o que non só pon en perigo o necesario proceso de saneamento e recuperación da Ría de Pontevedra, senón que entra en contradición coas súas declaracións públicas ao respecto e mesmo cos acordos programáticos acadados entre BNG e PSOE ao asumiren o goberno autonómico.

Asociación pola defensa da Ría (APDR) - 11:55 10/08/2007
Tags:


En efecto, cada día son máis as evidencias que fan pensar que o actual goberno da Xunta non está disposto a actuar decididamente para adiantar a data de saída do complexo da nosa Ría, e que está a se limitar simplesmente a facer declaracións máis ou menos pomposas –e máis ou menos desafortunadas- para xustificar a súa suposta preocupación polo tema. As continuas alusións a que o adiantamento da data do 2018 como fin da concesión nos terreos de dominio público está nas mans da empresa, ou as reiteradas declaracións no sentido de que “ninguén pense que o proceso de traslado de ENCE vai durar menos de 5-8 anos desde que se decida unha ubicación alternativa”, fan pensar en que o goberno galego está disposto a dilatar indefinidamente esta trascendente decisión. Se esta actitude da Xunta de Galicia resposta á súa propria ineptitude ou se polo contrario se trata dun caso de aberta complicidade coa empresa pasteira, é algo que descoñecemos, pero en calquera dos casos a inoperatividade do goberno resulta máis que evidente.

Para a APDR, non só a necesidade de recuperar a Ría para a explotación racional do marisqueo a pesca e o turismo –e a esixencia maioritaria da poboación da bisbarra- xustificarían un cambio de actitude no goberno galego verbo do complexo, senón que existen razóns legais dabondo que respaldarían unha actitude de forza fronte á empresa, unha empresa que –non o esquenzamos- foi condenada hai agora cinco anos pola comisión dun delicto ecolóxico e que, apesares desta condena, continúa sen cumprir boa parte da lexislación medioambiental.

O incumprimento da lexislación en materia de vertidos á Ría desde a depuradora de ENCE (un aspecto reiteradamente denunciado pola nosa asociación diante da Xunta, diante da xustiza ordinaria e diante da Unión Europea) é manifesto, como manifesta é a situación irregular na que se atopa a fábrica de Lourizán no que fai á tramitación da preceptiva “Autorización Ambiental Integrada” (AAI). En efecto, a Lei 16/2002 de “prevención e control integrados da contaminación” obriga a ENCE a solicitar a AAI con anterioridade ao 1º de xaneiro de 2007, e fixa un prazo máximo de 10 meses desde a data da solicitude para que a Xunta dicte resolución; engade a Lei que “transcurrido este prazo sen que se teña notificado resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude presentada”. Dacordo coa información facilitada pola Consellería de Medio Ambiente, ENCE ten solicitado a AAI no ano 2004, e teñen transcurrido xa 3 anos sen que a Xunta teña emitido nengunha resolución, o que dacordo coa Lei sitúa a ENCE fóra da legalidade.

Qué razóns pode aducir o goberno galego para non actuar contra ENCE cando lle asiste a Lei e lle respalda a cidadanía?. Qué razóns para incumprir o seu acordo programático de sacar o complexo ENCE-ELNOSA da súa actual ubicación?. Cicais as mesmas razóns que levan ao Conselleiro de Medio Ambiente a non recibir á nosa asociación pasados xa máis de 20 meses desde a última solicitude de entrevista?.

Para a APDR, que esixe o cumprimento da lei e o peche inmediato e definitivo da actividade industrial do complexo ENCE-ELNOSA, esta actitude só se pode explicar, como xa adiantamos, desde a ineptitude ou desde a connivencia.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: