Recordan desde a Asociación pola Defensa da Ría que o Goberno debe pechar a factoría o próximo 30 de outubro.
Non é boa noticia a falta de noticias ao respecto. Así o consideran desde a Asociación pola Defensa da Ría, APDR, respecto da aparente indiferencia desde o executivo diante da actividade de Elnosa que, atendendo á estrita legalidade, subliñan, debera pechar o próximo 30 de outubro coma moi tarde.
O colectivo cidadán estuda a posibilidade de denunciar a Xunta por "inactividade", amparándose na Lei das Administracións Públicas, se a Consellaría de Medio Ambiente non toma axiña unha decisión e aproveita para proceder ao peche da fábrica unha vez que Elnosa carece da Autorización Ambiental Integrada.
Hai xa meses que a asociación critica que existirían evidencias de que "o actual goberno da Xunta non está disposto a actuar decididamente para adiantar a data de saída do complexo da nosa ría". Nese sentido, chaman a que os responsábeis da administración deixen de facer declaracións enganosas sobre "a súa suposta preocupación polo tema" e actúen aló onde poden. "Existen razóns legais dabondo que avalarían unha actitude de forza fronte á empresa", salientan.