Ánxela Bugallo entregoulle aos remeiros de Moaña un pedazo de tea de gran significado, ao tempo que lembraba que as traíñas "conxugan á perfección cultura e deporte".
Na entrega da bandeira tamén estaba a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, quen acompañou a Ánxela Bugallo, namentres a conselleira lle reiteraba o apoio do seu departamento aos organizadores da Liga Galega de Traíñas.
No acto de entrega dos premios estiveron presentes representantes das doce embarcacións participantes na competición, que contou con 16 regatas en case todos os portos galegos durante o verán, e que concluíu coa incuestionábel vitoria de Tirán.
A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, destacou o traballo desta asociación por un deporte "moi importante para nós, xa que conta cunha gran tradición en Galiza", mentres que o presidente da Asociación Liga Noroeste, Federico Díaz, agradeceu o apoio da Consellaría: "Sentímonos arroupados polas autoridades do deporte galego. O noso obxectivo agora é manter e reavivar o remo de traíñas e conseguir que os mozos se engaiolen co deporte. Con este deporte".
A Liga Galega ten que ser a máis forte
Ademais, Díaz lembrou que "non podemos permitir que os nosos remeiros soñen con ir fóra. A súa arela ten que ser remar nas traíñas galegas por riba de todo". E a este desexo tamén se sumou Ánxela Bugallo, quen quixo reiterar o sue aopio a un proxecto que xa ten tres anos de vida. Mais para isto pediu a implicación dos clubs, a mellora no traballo e o esforzo de todo para lograr que "sexa a liga máis forte".