Balaídos aspira a bater o número máximo de afeccionados nas bancadas dun partido da irmandiña.
Non cabía unha agulla en San Lázaro hai tres anos na estrea da selección, co estadio cheo para asistir á vitoria dos irmandiños sobre Uruguai. Andoulle na media entrada Riazor, onde o Galiza-Ecuador chimpou un chisco por riba a entrada do ano anterior, malia quedaren ocos nas bancadas.
E aspira Vigo a superar a marca nesta terceira cita coa irmandiña. E cando menos, o que de seguro se vai bater este xoves no estadio vigués é o récord de espectadores no que vai de tempada, onde os afeccionados deixaron moito baleiro nos partidos do Celta en 2ª división. As colas na tarde do mércores a pé do despacho de billetes de Balaídos prognostican que haberá amplo alento nos bancos do estadio olívico para turrar das tropas de Breogán. Na véspera do choque futboleiro xa se venderan vinte mil entradas.
Dixérano Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez hai un ano na súa visita á redacción de Vieiros: Cando xoga Galiza hai que encher o estadio.