A agrupación ferrolá publica 'Estiñada' un álbum e DVD recompilatorio que celebra os seus 25 anos de historia.
Ledicia naceu en 1983 con motivo do festival Cantareliñas, un certame que se celebrou en San Sadurniño até 1990, cando esmoreceu. Co impulso de Ánxela Loureiro, mestra de galego, e do querido músico ferrolán Miguel Varela Suárez (Miguel Tranquilo), o coro asentouse no colexio Manuel Masdias de Caranza. Non sen dificultade, o grupo foi gravando cancións e modificando os seus integrantes, até a chegada ao colexio de Xosé Lastra, que lle deu un novo pulo.
En 1998 Ledicia gravou o seu primeiro álbum, Polo correo do vento, un disco recompilatorio do traballo dos quince anos anteriores: "Chegou nun momento no que a xente que estabamos detrás do grupo estabamos un pouco cansos, polas dificultades que atopabamos", explica Lastra. Ledicia nunca tivo o apoio das administracións: "presentámonos varias veces a convocatorias da Deputación da Coruña, pero dicíannos que non faciamos ningún tipo de acción normalizadora da lingua".
Pero o coro seguiu adiante, ofrecendo máis dun cento de recitais por toda Galiza, e tamén fóra: Xixón, Madrid, Rotterdam e Bruxelas. Cada ano con novos integrantes que chegan ao colexio, pero con colaboradores que se manteñen, entre eles moitos antigos alumnos, como Xurxo Varela (fillo de Miguel Tranquilo e María Manuel), a quen Lastra tivo de alumno en sétimo de EXB. E colaboradores ilustres, como María Manuela, Mini e Mero, Manuel Lombao ou Manolo Bragado.
CD e DVD
Todos eles aparecen no DVD que acompaña o segundo disco do coro, Estiñada, que inclúe vídeos de actuacións dos 25 anos de historia do grupo, entrevistas, un karaoke e imaxes do concerto ofrecido hai uns meses para conmemoraras vodas de prata de Ledicia. O repertorio, integramente en galego, inclúe unha maioría de pezas orixinais, compostas polos propios alumnos do centro, por Xosé Lastra ou por Miguel Tranquilo. Algunha de Mini e Mero e algún clásico como Lela.
Nos vindeiros dous meses Ledicia ofrecerá cinco actuacións, en Bandeira (22 de febreiro), Gondomar (24 de febreiro), Boiro (15 de marzo), Muros (16 de marzo) e Tui (27 de marzo).