Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN DE PINTURA NA PEDRERA: "ZORAN MUSIC DE DACHAU A VENÈCIA"

Non somos os últimos. Os humanos buscamos (sete veces sete) a mesma pedra

Unha reflexión sobre a violencia dos nosos días. Que pode pensar unha sobrevivente dos campos nazis das imaxes da cadea de Abu Chraib?

Lito Caramés - 21:15 16/04/2008

A Fundació CaixaCatalunya-La Pedrera ofrece unha nova exposición de arte no fermoso edificio da Casa Milà para gozo de todos, e de balde. Trátase neste caso da mostra de 130 obras (pinturas e deseños) de Zoran Music, periodista e pintor que viviu o inferno nos campos de exterminio nazis. O comisario da mostra é Jean Clair, ex-director do Museo Picasso de París, que contou coa colaboración de Jorge Semprún, persoa que viviu tamén a experiencia dos campos nazis.

O pintor

Zoran Music (1909-2005), de orixe dálmata, tivo por oficio o periodismo, aínda que sempre practicou a pintura. No ano 1935 estivo en Madrid, de correspondente, e foi un visitante habitual do Museo do Prado. Logo foi destinado a Venecia e alí, no ano 1944, os nazis detivérono acusado de actividades antialemanas e ingresado no campo de Dachau.

Os meses que estivo no campo debuxa cadáveres amoreados. Debuxa con tinta que rouba na enfermería. E debuxa os mortos, non representando o horror do que lle toca ver, senón máis ben a dor das vidas eliminadas, a dor da vida diaria. A morte, a experiencia do cotián.

Liberado o campo, volve a Venecia. E alí continúa facendo o mesmo que facía antes de vivir a experiencia do campo de exterminio: paisaxes e paisanaxes dálmatas. Nada do campo. Representa mulleres, cabalos..., os motivos que facía antes. A diferenza é que agora trata de buscar e reproducir a esencia das figuras e dos elementos.

Nous ne sommes pas les derniers

A comezos dos anos setenta volven os cadáveres. Volven saír os mortos do campo de Dachau. Volven aquelas imaxes que levaban trinta anos nos miolos de Zoran. Por que saen agora? Por que teñen que pasar tantos anos para volver a elas? Que proceso interior se produce ao longo dos anos?

Semprún, que colabora na organización desta exposición e que tamén estivo nun campo de exterminio nazi, afirmou na presentación desta mostra que a todas e a todos os que viviron aquilo foilles máis doado "explicar" as súas experiencias coa morte cando nos anos setenta se comezou a falar abertamente do terror nazi.

Music, pola súa parte, da outra explicación, unha explicación máis dura e aterradora. El deixou dito que os cadáveres saíron nos anos setenta cando comezou a ver as atrocidades doutras guerras (Vietnam, por exemplo). Inmediatamente lle viñeron aos miolos o que eles pensaban e comentaban ao remate da Segunda Guerra Mundial: isto non volverá suceder. Nós somos os últimos que viviremos o horror, o inferno. Xa que logo, a recreación daquilo que vivira e que levaba arquivado na memoria xurde cando a barbarie humana faille revivir a dor. Por se hai algunha dúbida, a serie de pinturas que fai no ano 1973 titúlaa: Nous ne sommes pas les derniers.

Que debuxos e que pinturas realizaría hoxe Zoran Music, á vista de Guantánamo, diante das fotos dos atentados en Bagdad, ou ao ter que observar as fotos da cadea iraquí de Abu Ghraib?

Os corpos sen vida que Music debuxa e pinta teñen a cor da terra. Hai como unha intencionalidade no feito de querer identificar o espazo no que descansan cos corpos que se amorean no chan. As anatomías individuais están a penas suxeridas por trazos negros. Nunhas declaracións sobre o seu traballo artístico, Music afirmou que a súa pintura sempre gravitara a redor dun tema: a paisaxe desértica que é a vida.

Sin destino

A peripecia de Zoran -retornar á experiencia traumática moito tempo despois- non é única. De certo poderanse citar casos de mulleres e homes que seguiron procesos semellantes.

En concreto, a volta de Music aos temas da violencia e do exterminio nos campos nazis -logo de tantos anos- é paralela, cando menos, á escrita que fan outras vítimas do nazismo.

Hai publicada unha novela que ben pode ser a banda impresa da exposición que agora se pode ver na Pedrera. A novela foi escrita por Imre Kertész no ano 1975 con título Sorstalanság. Aquí está publicada pola editorial El Acantilado con título Sin Destino (2001).

Kertész (premio Nobel de Literatura, 2002, viviu a experiencia dos campos de exterminio cando tiña 15 anos, e escribe esta novela con 46 anos. Tanto tempo ten que pasar para poder trousar os demos?

Sin Destino é unha novela estarrecedora. Escrita en primeira persoa e de xeito obxectivo. Non hai reclamos á traxedia nin ao patetismo. Cunha linguaxe neutra (como se dun narrador externo se tratase) reflicte a supervivencia. Non hai xuízos de valor, queixas, opinións, denuncias. Non. Music fai o mesmo cos debuxos e as pinturas: elaborar unha crónica do que viu e do que viviu.

Desgraciadamente hai que darlle a razón a Music, non foron os últimos.

EXPOSICIÓN: Zoran Music. De Dachau a Venècia
La Pedrera, Passeig de Gràcia, 92 (Barcelona)

Horario: todos os días, de 10 a 20 horas
Até o 18 de maio de 2008
Entrada de balde.
Visitas comentadas de balde de luns a venres, ás 18 horas.


1,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Non somos os últimos", 1973, acrílico sobre lenzo.
"Non somos os últimos", 1973, acrílico sobre lenzo.
"Dachau", 1945 (detalle), pluma e tinta chinesa sobre papel.
"Dachau", 1945 (detalle), pluma e tinta chinesa sobre papel.
"Motivo dálmata", 1950 (detalle), óleo sobre lenzo.
"Motivo dálmata", 1950 (detalle), óleo sobre lenzo.
Zoran Music no seu obradoiro (detalle)
Zoran Music no seu obradoiro (detalle)