A ministra de Administracións Públicas asegura se o parlamento vasco aproba o vindeiro mes a consulta acudirá á xustiza.
Primeira pregunta: ¿está vostede de acordo en apoiar un proceso de final dialogado da violencia se previamente ETA manifesta de forma inequívoa a súa vontade poñer fin á mesma dunha vez e para sempre?
Segunda pregunta: ¿está vostede de acordo con que os partidos vascos, sen exclusións, inicien un proceso de negociación para acadar un acordo democrático sobre o exercicio do dereito a decidir do pobo vasco, e que o devandito acordo se someta a referendo antes de que remate o ano 2010?
Estas son as súas preguntas que o lehendakari quere facerlle ao pobo vasco no referendo que ten convocado para o vindeiro 25 de outubro. Ibarretxe presentou este mércores as papeletas da consulta e explicou que o parlamento vasco decidirá a finais de xuño se o texto (como en principio se agarda) sae adiante. O goberno vasco precisa do apoio de EHAK para sacar adiante o texto. As preguntans non inclúen unha condea explícita de ETA, o que faría moi difícil que este grupo dese o paso de apoiar a iniciativa.
Na presentación das preguntas, Ibarretxe recoñeceu que a consulta non ten validez xurídica, xa que as comunidades autónomas non teñen a competencia de convocar referendos. Porén reiteou que a consulta ten validez “política e democrática”.
Pola súa parte, a ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, mostrou a oposición do goberno español a que se celebre a consulta. Salgado asegurou que, se o vindeiro 27 de xuño o parlamento vasco aproba a consulta, o executivo acudirá ao Tribunal Constitucional para que se prohiba a consulta.
Pode ler aquí o documento aprobado polo goberno vasco