Medio Ambiente ven de presentar a Memoria Ambiental do Plano Acuícola, resultado da avaliación ambiental estratéxica do documento presentado por Pesca hai máis dun ano. Sorprendentemente, esta Memoria Ambiental sinala as graves carencias do Plano Acuícola xa denunciadas no seu momento por ADEGA e outras institucións e particulares nas máis de 1000 alegacións presentadas. En particular, Medio Ambiente aponta que no Plano Acuícola faltan estudos sobre o impacto desta actividade na paisaxe, nos hábitats e especies protexidas, na agricultura e gandería, pesca e marisqueo, turismo, emprego e desenvolvemento local...etc, considerando insuficientes as medidas de seguemento e control propostas.
Na Memoria Ambiental, fálase por exemplo de que a Comisión Europea recomenda que a acuicultura terrestre en cicuito aberto (todas as do Plano Acuícola) debe reducir a demanda de auga e a afección paisaxística, e tender a sistenas de circuito pechado.Sobre a afección á Rede Natura, a Memoria Ambiental recoñece afeccións directas non só das ampliacións, senón tamén das novas instalacións (Laxe Brava-Corrubedo; Xandriña-Camelle; Seiruga-Malpica e Foxo Longo-Ribadeo), dando a razón a ADEGA e contradicindo á conselleira de Pesca e ao conselleiro de medio ambiente que aseguraban unha afección "cero" á Rede Natura. Mais como tamén demandaba ADEGA, a Memoria Ambiental recoñece a necesidade de analizar tamérn as repercusións sobre outros espazos protexidos, especies e hábitats prioritarios situados na área de influenza das piscifatorías.
O documento de Medio Ambiente tamén recoñece que a acuicultura industrial ocupa amplas zonas de territorio e pode entrar en conflito e interferir sobre outras actividades económicas: marisqueo, pesca, agricultura e turismo. Recoñécese a afección sobre áreas de potencial turístico como a Costa da Morte, que ten un Plano de Dinamización en marcha, ou sobre áreas con alta vocación agro-gandeira que verán afectada a súa produtividade.Apóntase o elevado volume de residuos xerado polas plantas de acuicultura e non só orgánicos (peixes mortos-215 Tm por ano, restos de pensos, parasitos, etc.) senón tamén química (reactivos e antibióticos). Sinálase tamén a carencia sun plano de seguemento dos efluentes emitidos consonte á Directiva Marco da Auga e o elevado consumo enerxético polo bombeo continuo dos sistemas de circuito aberto.Sobre a paisaxe, a Memoria Ambiental sinala que o Plano Acuícola non integra o impacto paisaxístico derivado da intensa ocupación da franxa costeira, podendo ter efectos sobre a fragmentación do territorio, o dominio público etc.Finalmente, recóllense as consideracións que as demáis consellarías e admistracións fan ao Plano Acuícola. A este respeito, resulta irónico que Augas de Galiza a ponte a necesidade de que as instalacións conten con autorización de vertedura: a día de hoxe, ningunha das piscifatorías que están funcionando na costa, aulguna con máis de 15 anos en funcionamento, teñen esta autorización !!!Medio Rural aponta á carencia de infraestruturas e planos sanitarios para as especies cultivadas, a alta xeraciónde peixe morto e os efectos sobre a produtividade de zonas agrogandeiras.Cultura (D. X. de Patrimonio) indica que o Plano Acuícola debería conter estudos sobre os efectos no patrimonio cultural e a carencia dun inventario de bens afectados.Por último a D. X. de Costas (Ministerio de Medio Ambiente, MR e MM) chama a atención sobre as afeccións nas praias polos verdidos acuícolas; sobre que os planos non permiten coñecer as afeccións sobre o Dominio Público, propoñendo prescricións para todos os parques existentes e novos que afecten á franxa de dominio público.En resumo, a proposta de Plano Acuícola presentada por Pesca non garante a sustentabilidade da acuicultura do peixe plano en terra ou dito doutro xeito, o Plano Acuícola é insustentábel.No entanto, e lonxe de devolver o documento ao organismo promotor para que subsane as súas graves carencias, a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel limítase a diferir incorporación das cautelas ambientais, socioeconómicas, patrimoniais, etc. á fase de formulación dos proxectos sectoriais de cada instalación.Isto significa que Medio Ambiente, malia a sinalar as graves eivas e impactos derivados da planificación acuícola de Pesca, permite que o Plano siga adiante agardando á elaboración dos proxectos sectoriais (instalacións puntuais) que o desenvolvan. Este feito constitúe para ADEGA e as plataformas en defensa do litoral unha burla e un insulto á cidadanía, un exemplo de inoperancia e de submisión aos intereses das transnacionais por parte dunha consellaría que novamente amosa o seu feble compromiso coa preservación dos nosos recursos e do patrimonio natural deste país.