Os de Meira adxudicáronse a primeira proba do campionato, a Bandeira Concello de Ares, con solvencia.
A Sociedade Deportiva Samertolameu non deu lugar á sorpresa nesta nova tempada e comezou con vitoria a Liga Galega de Traíñas, gañando a primeira proba do campionato: a Bandeira Concello de Ares.
A xornada comezou coa saída, un bocado tarde, dos equipos da primeira quenda: CR Vilaxoán, CM Bueu e CR San Felipe. A quenda gañárona os de Bueu, mantendo o liderado durante os tres largos e as tres viradas do campo de regatas de Ares. Tras el ían Vilaxoán e San Felipe.
As quendas
A segunda quenda foi para o CR Mecos, que se impuxo por cinco segundos aos mozos do CR Rianxo. Detrás dos dous equipos chegou o terceiro da quenda: CR Vila de Cangas.
Na terceira quenda a emoción chegou á proba: na saída, a AD Esteirana, CR A Cabana, CR Coruxo, CR Ares e CR Puebla, equipos que tentaban mellorar os tempos dos seus rivais. Puebla foi o mellor da terceira saída, ao sacarlle tres segundos ao clube anfitrión, Ares. Terceiro foi A Cabana, cuarto Esteirana e por último Coruxo.
Na última chegou a emoción
Na última quenda enfrontábanse os fortes da pasada tempada. AD Samertolameu, RC Náutico de Vigo e CRegatas Perillo, xunto con Amegrove CR e CR Chapela. Todos loitaban por situarse no máis alto da táboa comezada a liga. E así foi; Samertolameu, cun espectacular tempo de 20'56''09, conseguiu levar non só a quenda, senón tamén a Bandeira de Ares.
Desta forma, o Náutico quedaba segundo da quenda e da regata, e Chapela conseguía facerse co terceiro posto tamén na xeral. Tras eles chegaron Perillo e Amegrove.
Na clasificación da regata e xeral, Samertolameu lidera a Liga, con 14 puntos, seguido do Náutico de Vigo, con 13, e de Chapela, con 12. A seguinte bandeira: a de Oleiros, o domingo que vén.