A entidade, que está a recoller sinaturas contra a iniciativa do goberno español, presentará unha denuncia perante a Unión Europea.
A plataforma Todoscontraelcanon.es anunciou este venres que recorrerá perante os tribunais o canon dixital, coincidindo coa súa entrada en vigor. A entidade presentará unha denuncia perante o Tribunal Europeo da Competencia e mais unha iniciativa lexislativa popular no Congreso español, para a que xa está a recoller sinaturas.
Todoscontraelcanon.es pensa que o regulamento vai contra a propia Lei de Propiedade Intelectual, por gravar os discos duros. Ademais, pediulles aos partidos que amosen no parlamento español a súa oposición ao canon.
Segundo a plataforma, a Orde ministerial publicada no BOE do xoves é un tremendo erro "que só beneficia as entidades de xestión de dereitos". Por se fose pouco, lembra que a crise económica fai que este sexa o peor momento para aumentar o prezo dos produtos gravados polo canon.
A organización tamén amosou a súa preocupación polo feito de que se lles impoña canon, a partir do apagón analóxico, aos gravadores de TDT, pois ábrelle a porta á posibilidade de trasladarlle a taxa a outros soportes de gravación, como os discos duros.