Ao xeito de 'sommelier' tecnolóxico, un cachifallo deseñado por investigadores cataláns e alemáns, identifica con exactitude os viños.
Prognostican que poderá ser fabricado a baixo custo en pouco tempo e que será de uso imprescindíbel no mundo da enoloxía. O trebello, definido de "lingua electrónica" na revista The Analyst, que hai poucos días facía pública a súa existencia, pode identificar a idade dun viño e definir o tipo de cepa de onde saíu a uva, a través dunha combinación e medida de parámetros de acidez, azucre e alcohol.
Segundo os investigadores do Instituto de Microelectrónica de Barcelona e da Universidade de Aachen, que desenvolveron conxuntamente o proxecto, grazas a este aparello a industria vitivinícola aforraría o envío continuo de mostras aos laboratorios. Tamén sinalan a posibilidade de usalo para detectar posíbeis enganos sobre o ano de colleita e variedade.