Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DEBATE SOBRE O SECTOR

Os tres partidos piden reunir o audiovisual nunha única consellaría

A actualización da Lei e a reforma da CRTVG son as outras dúas grandes demandas dos profesionais, moi críticos cos tres partidos.

Marcos S. Pérez - 10:20 16/02/2009

O sector audiovisual galego ten a consideración de 'estratéxico' pola Lei do Audiovisual de 1999, e continúa o seu crecemento, aumentando a súa importancia económica. Os tres partidos presentan nos seus programas propostas moi semellantes, centradas na reforma da propia lei, que nove anos despois xa ficou desactualizada, na reforma da CRTVG e na necesidade de poñer fin á separación das competencias en audiovisual entre PSOE e BNG e á duplicidade de organismos que isto xerou. Xosé Manuel Lage fai autocrítica: "Nestes catro anos fixéronse algunhas cousas ben e outras son mellorables. Déronse pasos na boa dirección, pero hai inercias".

O sector denuncia a actitude dos tres partidos e acúsao de facer as mesmas promesas lexislatura tras lexislatura. Por exemplo, no pacto de goberno asinado en 2005 por socialistas e nacionalistas prometíase a "elaboración dunha lei que garanta a autonomía e o carácter de servizo público da CRTVG. Esta lei establecerá o nomeamento do director xeral por maioría cualificada do Parlamento", e o "estabelecemento dunha regulación transparente e obxectiva das relacións coas empresas privadas de comunicación".

As propostas socialistas
O PSdeG-PSOE sintetiza en catro puntos as necesidades do sector audiovisual que se deben atender dende a Xunta na vindeira lexislatura: A reforma da Lei do Audiovisual, de 1999, para actualizala e para garantir que as televisións que emitan dende Galiza invistan o 5% en producións audiovisuais; a reforma dos medios públicos; o apoio ao sector das industrias da imaxe, entendidas como sector estratéxico que poden xerar un moi importante valor engadido, "unha oportunidade para Galicia como país"; e, finalmente, incide na necesidade de que na Xunta exista un organismo único (ou unha mellor coordinación) no canto de que as competencias sobre audiovisual estean repartidas entre consellarías de distintos partidos. Lage é claro: "a separación das competencias de audiovisual é unha eiva, necesitamos un único organismo". Os socialistas promoverán así mesmo a supresión do Consello Asesor do Audiovisual e a súa remuda por un Consello Superior do Audiovisual, que seguindo o modelo catalán, se ocuparía entre outras cousas de vixiar a transparencia na concesión de licencias de emisión.

O que di o PP
A principal crítica que o PPdeG lle realiza ao bipartito en materia audiovisual é que "nestes catro anos houbo dous gobernos", en palabras de Diego Calvo. Para os populares, iso prexudicou a eficacia na xestión e trouxo como consecuencia un aumento da burocracia e do clientelismo; "o xestor pode estar desesperado á hora de pedir axuda, e non sabe onde pedila". Polo tanto o PP aposta por agrupar as materias de audiovisual, de cultura e de comunicación nunha única consellaría. En segundo lugar, os populares propoñen reformar a CRTVG, comezando por modificar a fórmula de elección do director xeral, que esixen que se realice no parlamento por maioría de dous terzos. Esa mesma maioría cualificada quere que sexa necesaria para nomear novos membros do consello asesor do ente público; así mesmo, propón que participen no organismo novas entidades, como a RAG ou o Consello da Cultura, e que o numero de membros se limite a sete. Concordan na necesidade de reformar a Lei da Audiovisual e de que se asegure a transparencia na adxudicación de licencias radiofónicas e televisivas de emisión. De igual xeito, os populares reclaman a aprobación da Lei de Publicidade Institucional.

O programa do BNG
O BNG concorda cos outros dous partidos en que a división das competencias relativas ao audiovisual non pode continuar e reclama que se inclúan todas elas na Consellaría de Cultura. Así mesmo, promete impulsar unha reforma da CRTVG nos primeiros meses da lexislatura e propón crear un Consello Superior do Audiovisual. Finalmente os nacionalistas presentan como principal con respecto aos outros dous partidos a proposta de crear un circuíto público de proxección cinematográfica paralelo aos circuítos comerciais e privados; incidiría sobre todo nos filmes que fican fóra das redes existentes, e instalaría estas salas, que serían de pago e abaratarían custes apostando pola tecnoloxía dixital, nas vilas cabeceiras de comarca.

SE CAMBIA O GOBERNO


O núcleo das propostas do PP en materia audiovisual é a reforma da Lei de 1999 e a reforma da CRTVG, comezando por modificar a fórmula de elección do director xeral, que esixen que se realice no parlamento por maioría de dous terzos. Así mesmo, reclaman a aprobación da Lei de Publicidade Institucional.

SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO


PSOE e BNG tamén prometen levar a cabo a reforma da CRTVG e da Lei do Audiovisual, algo que non cumpriron nesta lexislatura. Ademais, propoñen crear un Consello Superior do Audiovisual, a inspiración dos existentes en Francia ou Cataluña. O BNG pide a posta en marcha dunha rede pública de exhibición de cine, de pago e centrada no cinema non comercial e no cinema galego.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: