Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MANOLO GONZÁLEZ

"Non ten sentido que as competencias do audiovisual non estean en Cultura"

A súa xestión á fronte da Axencia Audiovisual recibiu o recoñecemento unánime do sector. Os Mestre Mateo recoñeceron o seu Flocos.TV

Marcos S. Pérez - 08:00 12/05/2009

O 3 de abril Manuel (Manolo) González publicou unha carta na portada da web da Axencia Audiovisual Galega que dirixiu durante os tres anos anteriores. 'A modo de epílogo' salientaba que "neste tempo intentamos traballar para todos, con equilibrio e obxectividade desde a Consellaría de Cultura e Deporte, porque non houbo ninguén que se achegara ata nós que non atopara acubillo, consello, complicidade e axuda". O texto non era modesto, precisamente, mais a opinión do sector sobre as políticas encetadas pola Axencia é maioritariamente favorábel, sobre todo entre os creadores. O audiovisual galego inicia, co cambio de goberno, unha nova etapa, un tempo de incerteza nun contexto de fragmentación de públicos, crise económica e oportunidades dixitais. Falamos con Manolo González do pasado e do futuro do sector.

Vieiros
: Que valoración fas do traballo feito nestes anos na Axencia?
Manolo González: O máis destacado podería ser que cun equipo humano moi reducido fixemos un grandísimo traballo, con excelentes resultados considerando os escasos recursos dispoñíbeis, humanos, materiais e mesmo administrativos. Penso, e así o está recoñecendo a xente, que abordamos o audiovisual dun xeito singular e diferenciado, defendendo a igualdade de oportunidades para todos, a valoración do talento, as comisións independentes e profesionalizadas, abrindo novas fiestras sen pechar as existentes de anos anteriores. Algunhas das ideas que desenvolvemos foron moi novidosas, como a aposta polo cinema dixital, os creadores individuais, os videoxogos e contidos interactivos, o estabelecemento de novos xeitos de promoción do audiovisual no territorio como Cinemas Dixitais, na rede como Flocos ou o proxecto que tiñamos en marcha para a creación de circuítos alternativos de distribución autosostíbeis e con retorno aos propietarios dos dereitos de explotación.

A dixitalización foi unha revolución en Galiza nestes anos, permitiu que máis xente puidese ver cine e facer cine...
O dato é que no ano 2004 se produciron uns cen títulos, e no 2007 uns 270. O incremento cuantitativo foi espectacular, e incrementáronse especialmente proxectos non subvencionados, estimulados por esa marea, o cal é un indicador de normalización. Esa democratización da produción está conseguida, o que falta é porfiar e insistir como dicía sempre o meu avó. Foron dous anos de actividade da Axencia e en dous anos é imposíbel facelo todo e ter resultados a tan curto prazo. O único que boto de menos agora é non ter por diante unha lexislatura máis para desenvolver en profundidade este traballo. Cunha lexislatura máis estarían asentados os alicerces dun audiovisual diferente e que estou convencido acadaría interese fora das nosas fronteiras.

Cres que se vos vai recoñecer o ter colocado eses alicerces?
Un ten que facer as cousas polo propio compromiso consigo mesmo e coas ideas que defende. Os que traballamos aí, Xurxo, Anxo, eu..., temos a conciencia moi tranquila, temos a satisfacción do deber cumprido e o que digan os demais é unha cuestión que non me preocupa.

Falabas antes da produción, o paso que falta é a distribución, chegar ás salas, ao público, non?
A min faime graza cando se fala dese problema, porque parece que só o temos aquí. En Hungría fanse 25 longametraxes cada ano, e en Finlandia e no resto de Europa outros tantos, e non chegan até as salas comerciais. Cantos filmes portugueses estreáronse en salas comerciais galegas nos últimos dez anos? Un ou dous... O problema da visibilidade da produción é común a toda Europa e requiriría un longo espazo para explicalo doadamente, porque hai unha gran desinformación sobre como funcionan as regras do xogo.

Falábase de poñer en marcha unha rede pública de salas de proxección...
Esa é unha idea que tiñamos e que iamos comezar con un plan piloto en vinte localidades, entendido como proxecto autosostíbel, rendíbel, en dixital, no que despois sería a iniciativa privada quen o enchese de contidos. Non deu tempo a facerse e tampouco era unha das nosas competencias.

Que solución propós?
A solución debe ser global e pasa por numerosas medidas que conflúan nunha política transversal do audiovisual: favorecer a circulación intracomunitaria das películas, que as televisións públicas recuperen o sentido do que debería ser unha televisión pública, que o sistema educativo incorporase o audiovisual no curriculum, a existencia de espazos para ver produtos alternativos..., toda unha serie de elementos que a medio prazo poderían dar os seus froitos. É un camiño complicado, pero o que non se pode facer é deixar de soñar, deixar de querer cambiar aquelas cousas que son susceptíbeis de ser cambiadas nun sentido máis racional ou nun sentido que potencie a diversidade e a liberdade do espectador para poder escoller e do creador para producir. Para achegarnos a ese horizonte fan falla ferramentas colectivas, e que a xente comece a pensar nos problemas colectivos de todo o sector.

Ese é un dos grandes problemas do pais: o minifundismo, no que case ninguén ve o plano xeral e só fai un plano curto da súa pequena produción, cando o problema é colectivo. E despois hai que recuperar a conciencia de que o cinema é sobre todo unha expresión artística, despois de que leven anos machacándonos coa idea intencionada de que tan só é unha industria. Recuperar esa mirada implica traballar coas novas tecnoloxías, que facilitan a desaparición dos formatos e dos estándares de duración e a irrupción de novos modelos de produción e de consumo audiovisual. Neste momento hai públicos para cada tipo de cinema. Pero centrar a salvación do audiovisual galego exclusivamente no cinema industrial paréceme un erro total. Porque así non imos a ningures.

É o modelo que se potenciou dende Sempre Cinema, por exemplo. Que opinas diso?
Mira, eu lía o outro día unha reportaxe sobre o éxito do viño galego nos Estados Unidos. E dicían os enólogos e publicistas que o éxito era o resultado de que a terra galega lle daba aos viños un aroma único. Ese é o único xeito de internacionalizar un produto. Se analizamos o audiovisual co mesmo raseiro que ao resto das industrias chegaríamos a esa conclusión. Na década dos noventa había que ser global, agora cando o mundo é global, se queres triunfar no exterior, tes que partir do teu, da orixinalidade e especificidade para que te miren fora e singularizarte. Se non facemos un audiovisual de dentro para fóra, seremos sempre colas de león. Estaría ben que polo menos para comezar fósemos cabezas de rato. No modelo que tivemos até agora algúns só pretenden facer negocio coas películas, e non producir películas que poidan ser un negocio.

Como valoras a relación que tivo até o momento a televisión pública galega co audiovisual do país?
No noso caso houbo unha certa descoordinación, na miña opinión lesiva para os intereses da Consellaría de Cultura e para moitos dos proxectos que recibiron axudas; ao final recuperouse un pouco esa relación. A televisión debe ser o motor fundamental. A nosa armada, cantos máis barcos remen na mesma dirección, máis forte será. Pero a TVG ten por diante, coa posta en marcha da TDT e a televisión por Internet, os mesmos problemas que ten o cinema: a fragmentación de públicos. Ese vai ser un reto.

E a segunda canle, que papel pode cumprir?
Pode ter un papel moi importante, pero para iso ten que ter unha identidade de seu; se só vai servir como contedor para os refugallos, pois non cumprirá ningún papel.

Como ves os festivais de cinema en Galiza?
A min gústanme os festivais porque son unha festa do cinema. Non lle vexo problemas a súa proliferación sempre que se fixera un esforzo en cada un deles na procura da súa especificidade; por exemplo no caso das curtas hai varios festivais que son clónicos o un do outro, despois si hai outros encontros que teñen a súa identidade e están moi ben.

En que medida o feito de que as competencias en audiovisual estivesen divididas entre os dous partidos prexudicou ao audiovisual galego nestes anos?
O audiovisual tamén tiña organismos diferentes nos tempos do PP, e agora estará igual de dividido, entre Industria e Presidencia, e estará algo en Cultura. E está dividido en todos os países do mundo, mesmo en Francia no CNC, pero mesmo alí hai competencias que fican fóra. O problema non é a división se existe unha política transversal. O problema nestes catro anos non foi que as competencias estivesen en distintos lugares, senón que non había unha política global de toda a Xunta no tema audiovisual, que lograse que todos traballásemos na mesma dirección.

Aínda non se sabe ben o que vai facer o novo goberno, pero que che parece a distribución de competencias que fixeron, pola que boa parte do audiovisual dependerá de Industria?
E moi prematuro opinar porque aínda están comezando e non se pode falar até ter máis datos, pero segundo as Directivas da Unión Europea, todas as axudas ao audiovisual teñen que darse en función de criterios culturais e todas as subvencións de certa envergadura teñen que pasar por Europa, especialmente dende o 2007. Estados Unidos quere eliminar as subvencións ao audiovisual en Europa nas vindeiras conversas do GATT; Europa contratacou no seu tempo coa "excepción cultural", e aí foi trampeando algo durante os últimos anos, pero dende o 2007 a Dirección Xeral da Competencia da UE está obrigando á valoración do compromiso cultural dos filmes mediante criterios obxectivos como está facendo xa Alemaña ou Holanda, cunha filosofía que favoreza a diferenza, favorecer o pequeno e ao mesmo tempo potencie a libre circulación de empresas e creadores no territorio da UE. Dende esta perspectiva non ten sentido que as competencias do audiovisual non estean en Cultura; xa levo reivindicando esta premisa moitos anos porque é onde está en todas as nacións do planeta. Esa é ademais a única solución profesional e racional a esa cuestión e que nos homologa ao resto de Europa.


3,8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manolo González, recollendo o Mestre Mateo'09 por Flocos TV, canda ao equipo de A Navalla Suíza

Manolo González
Manolo González