A Academia convida a afastar a lingua da loita partidaria e buscar un "acordo social integrador".
A Real Academia Galega (RAG) expuxo este martes un manifesto, baixo o lema "Unha lingua de todos", onde animan os responsábeis do novo Goberno a escoitaren e decidiren á beira das institucións que, como a propia RAG, "veñen traballando de vello polo idioma, con información, metodoloxía e estudos certos". Nesa liña convidan á procura dun acordo social integrador, "a prol do uso a dignidade e a continuidade do idioma", que deberá sustentarse en catro principios básicos:
1º) Compromiso de arredar a lingua galega da controversia partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para acadar o seu pleno uso normal.
2º) Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares (galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes das novas tecnoloxías.
3º) Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que no seu día, por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia (Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).
4º) Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma de acadar a igualdade cidadá.
Laméntase a Real Academia Galega que os avances do galego levasen aos contrarios do proceso de normalización a "manchar" a palabra normalización, "como se significase agresión aos que non teñen o galego como lingua habitual", e a ergueren "o falso concepto de liberdade, que parecen entender como dereito a non falar nunca o galego".
A lingua galega non é un problema, senón unha oportunidade
"Dispoñemos de posibilidades certamente privilexiadas para nos relacionarmos co mundo e, sen renunciarmos a nós mesmos, exercer como cidadáns universais", expón a Real Academia Galega neste manifesto. "O galego dános identidade no mundo, pero tamén nos relaciona con outros espazos", sinalan, destacando os vencellos da "irmandade galego-luso-brasileira".
Aproveitan ao fío para recordar as palabras de Ramón Piñeiro, homenaxeado este ano polo Día das Letras: "E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia, que tal é o que significa a palabra idioma. A lingua vén a ser a alma viva do pobo que a fala, vén a ser a súa comunidade esencial".
Galego no ensino, materia pendente
Expón a RAG a necesidade de "reforzar a presenza da lingua no ámbito escolar, con atención especial ás primeiras idades". Chaman a respectar a lingua das familias e aplicar "extremo coidado o afecto e a convivencia naqueles casos en que a lingua primeira non sexa o galego".
Así e todo, advirten os académicos, a política lingüística "non pode ficar reducida ás aulas" e, admitindo a acción educativa como fundamental, insisten en que a acción de uso e os recursos "deben orientarse asemade a outros espazos fundamentais na vida pública: os medios de comunicación de masas, as industrias do lecer e da cultura, as novas tecnoloxías, apublicidade, a vida empresarial, o funcionariado, a igrexa, a universidade", etc.
"Ninguén é propietario da lingua"
"A lingua é un cemento que nos une, no que nos recoñecemos e que nos proxecta cara ao futuro, polo que de ningunha maneira podemos aceptar nin discriminacións pola súa causa nin que se abran fendas na sociedade común, que facemos entre todos, creando ou promovendo guetos ou espazos estancos", recolle o texto, asinado polo presidente da institución, Xosé Ramón Barreiro Fernández.
No documento, a Real Academia Galega afirma sentirse "na obriga e no deber moral" de pronunciarse ao respecto do actual escenario, "diante dos pronunciamentos e comunicacións públicas que dun tempo a esta parte se están a producir arredor da lingua, moi especialmente sobre a súa presenza nas aulas de ensino non universitario". "Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a que escenario queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega non é un problema, senón unha oportunidade", remata o manifesto.