O 23 de maio coñeceremos os gañadores. Antes, proxeccións, concertos, chimpíns e premios para Xavier Villaverde, Camila Bossa e o carpinteiro Silvino González.
Se algo ten Cans é a súa orixinalidade. Aínda que os desfiles de chimpíns e as proxeccións en galpóns xa non chamen tanto a atención como o facían hai anos, o festival mantén o seu obxectivo de reinventarse, de presentarse cada ano como algo novo, chocante. Entre as novidades da edición 2009 destaca o apartado dedicado aos 'fillos de cans', directores que pasaron en anos anteriores polo festival, e que presentarán os seus últimos traballos; tamén a Can Parade, e os concertos, grazas aos que cada ano a música comeza a competir en interese co audiovisual. O resto son os ingredentes de sempre: as estreas, os coloquios na leira, os chimpíns, e a festa, moita festa. E tres recoñecementos moi especiais. A Xavier Villaverde, pola súa traxectoria; a Camila Bossa, polo mesmo e polo apoio emprestado sempre ao festival; e moi especialmente a Silvino González, carpinteiro das pantallas e condutor de chimpín.
O festival abrirase o mércores 20 co tradicional 'Día dos Veciños'; será a partir das nove da noite no baixo do Moncho. Alí estrearase o documental 'A estrada de Cans' de Juanma Lodo. E a seguir, unha primicia máis: Pancho Álvarez presentará o seu novo disco, Sólidos galicianos, unha recuperación dun cantar de cego que circulou nos anos 50 sobre un tráxico accidente que tivo lugar en Cans.
O xoves 21 despregaranse as alfombras vermellas. A partir das oito da tarde comezará o desfile de chimpíns dende o Parque Infantil até o Círculo Recreativo Cultural do Porriño con actores e equipo técnico de A noite que deixou de chover, que se proxectará a partir das oito e media. Despois, inaugurarase a Can Parede, unha caste de reinvención das Cow Parade tan habituais nos últimos tempos. O resto da noite estará consagrada á música, co concurso de videoclips presentado por Luís Pardo (Banda Curta), a estrea das pezas realizadas sobre cancións de Uxía, Def con Dos e Nicolás Pastoriza (Ectoplasma) e a sesión preparada por DJ Chema Rey, condutor do Bulevar de Radio3.
A tarde do venres 22 comezará coas proxeccións das escolmas de curtas do Shoot-Me Film Festival de Holanda e Festivalito de La Palma, irmanados con Cans. A partir das seis e media veremos unha das novidades da edición 2009: En Fillos de Cans un grupo de directores que pasaron noutras edicións polo festival (como Quique Otero, Jorge Coira, Fernando Cortizo, Pablo Iglesias e Mario Iglesias), amosarán os traballos que están a facer na actualidade.
Estreas, premios e concertos
Xa chegada a noite, poderemos asistir ás estreas das curtas Sonata para un dueto, dirixida por Javier Ruiz; e A nena que tiña unha soa orella, de Rubén Coca, coa presenza de Lucía Etxebarría (autora do relato) e de Víctor Coyote; e das presentacións do documental Querida Gina, de Susana Sotelo e da serie da TVG Última hora, de Alfonso Zarauza. A partir das once e media entregaráse o Premio Pedigree ao director Xavier Villaverde e os Chimpíns de Prata a Camila Bossa e a Silvino González Bacelo (carpinteiro das pantallas e condutor de chimpín). E na medianoite veremos os concertos de Teté Delgado y Los Ciclones, que ofrecen a súa primeira actuación (rockabillie feito con paixón) e de Kiko Veneno.
O sábado comezará algo máis relaxado, para aliviar a resaca, co 'Coloquio na leira' de Manuel Martín Cuenca, presentado por Antonio Durán "Morris". No resto do día destaca a sesión vermú e a actuación da Tuna Rastafari, pola tarde, e o peche de festa de Lamatumbá, xa de madrugada. Será xusto despois da entrega de premios. Pero despois de tanta festa, canto importa realmente quen gañe?