Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Petición ao goberno español

Contra a fenda dixital, banda larga universal

A Asociación de Internautas decidiu potenciar a súa vertente de defensa dos dereitos civís. Tamén pediu que a rede sirva para estrear as obras audiovisuais subvencionadas e ignoradas polas salas comerciais.

Redacción - 17:00 29/06/2009

A Asociación de Internautas desenvolveu recentemente a súa XI Asemblea xeral anual, que concluíu co acordo de ampliar o seu eido de actuación á defensa dos dereitos civís e á protección de datos persoais na rede. Tamén acordou pedirlle ao goberno español a supresión do canon dixital e que se abarate o prezo do ADSL, entre outros asuntos.

Unha das suxestións máis innovadoras foi propoñerlle ao Ministerio de Cultura que difunda a través da internet todos os filmes subvencionados que non acharon espazo nas salas comerciais. Tamén anunciou que efectuará un estudo sobre a situación actual dos contidos audiovisuais dispoñíbeis na rede no Estado Español e os seus xeitos de acceso, ademais das eivas no mercado en liña destas facilidades.

A valoración sobre o impacto do canon dixital na incorporación á sociedade da información que fixo a asociación foi moi negativa. Segundo o colectivo que preside Víctor Domingo, supuxo un impacto económico de máis de 225 millóns de euros, o que contribuíu a aumentar a crise do sector. Por iso pediulle ao executivo español a supresión do canon por ser "indiscriminado, arbitrario e inxusto" e que atenda as peticións da plataforma Todos contra o canon, que presentou tres millóns de sinaturas no Congreso.

Outro dos factores que, ao entender da Asociación de Internautas, influíron na escasa penetración da internet no estado foron os prezos e a velocidade do ADSL, o máis caro e lento de Europa, por iso pediron que o acceso a internet por banda larga se declare servizo universal, único xeito de superar a "fenda dixital".

A súa proposta, para levar a cabo este fin, é crear mecanismos de compensación para os operadores suxeitos ás obrigas do servizo universal, ben sexa mediante un fondo público ou cun mecanismo de distribución de custos entre os subministradores. Tamén avoga por unha liberalización dos prezos do ADSL mediante unha competencia real que facilite que as empresas invistan no bucle local, aplicando, ademais, un prezo máximo de referencia. Ademais, habería que garantir que os consumidores con rendas baixas tivesen acceso a tarifas especiais ou axudas particulares.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: