A secretaria xeral de Modernización avanzou que o Plan Estratéxico Global, en principio, correrá paralelo ao PEGSI, que se "adaptará ao contexto actual".
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, deu a coñecer os detalles do Plan TIC de Medidas Urxentes do Goberno. Ademais, acompañada do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, deu conta dunha das súas primeiras medidas: o plan de implantación das TIC no eido xudicial, que terá un orzamento de 2,1 millóns de euros e se aprobará no Consello da Xunta do venres.
Por primeira vez, na presentación do plan de medidas urxentes, fíxose referencia ao PEGSI. De feito, o plan sobre Sociedade da Información aprobado polo anterior Goberno seguirá vixente até a súa revisión, en maio de 2010. Até ese mesmo mes aplicarase, paralelamente, o anunciado Plan Estratéxico Global, que irá precedido do de Medidas Urxentes, aprobado a semana pasada, do referido á Xustiza, previsto para esta semana, e do Plan Director de Telecomunicacións, que será o seguinte en presentarse.
Entre as liñas de actuación menciónase a "avaliación do estado de execución do PEGSI" e a "adaptación das actuacións ao contexto actual". O Goberno aspira a acadar unha "coherencia tecnolóxica global" neste período, e tomar de xeito inminente decisións para "evitar impactos en proxectos e sistemas actualmente en marcha", e actuacións para mellorar a eficiencia en gasto tecnolóxico e noutras áreas da Xunta, dentro da política de austeridade. Mar Pereira dixo que "temos o convencemento de que o investimento en tecnoloxía é rendíbel para Galiza".
No que se refire ao plan de implantación das TIC na Xustiza, as súas liñas de actuación serán consolidar os procesos de posta en marcha de sistemas de información (os sistemas Minerva, Lexnet, Fortuny, a sinatura electrónica e o rexistro en liña), a seguridade (segundo a Lei Orgánica de Protección de Datos), a adecuación das infraestruturas de soporte aos Sistemas de Información, a dinamización e impulso destes sistemas e a posta en marcha dun Plan de Sistemas de Xustiza.