Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ciclismo

David Herrero, do Xacobeo Galicia, acada a cuarta praza na Volta a Madrid

Ezequiel Mosquera non puido culminar con éxito a súa escapada na segunda etapa da carreira, que remata este domingo.

Redacción - 13:40 19/07/2009

O ciclista do Xacobeo Galicia David Herrero foi cuarto na segunda etapa da Volta a Madrid, onde está a participar o equipo galego. A etapa resolveuse nun sprint masivo a favor de Francisco Ventoso, do Carmiooro-A Style. Pola súa banda, o líder do equipo galego, Ezequiel Mosquera, participou na escapada da xornada que o pelotón só puido neutralizar a tres quilómetros de meta.

David Herrero afinou a puntería e estivo preto de facer diana. O bilbaíno foi cuarto no sprint final, por detrás de Ventoso, Aaron Kemps e Francisco José Pacheco. A xornada disputouse sobre 180 quilómetros con saída e meta en Coslada e non provocou cambios na xeral, polo que Héctor Guerra (Liberty Seguros) continúa de líder.

A tres quilómetros de meta as opcións de vitoria do Xacobeo Galicia estaban nas pernas de Ezequiel Mosquera, quen sobre o quilómetro 100 de etapa metíase nunha fuga de 11 corredores na que tamén entraba o seu compañeiro de equipo Vladimir Isaychev.

Balance positivo, en todo caso, para o Xacobeo Galicia, que tivo que traballar de inicio para anular unha escapada de 13 ciclistas na que non lograra colocar ningún representante. Salvada esa lagoa, o propio Ezequiel Mosquera pasou á ofensiva, confirmando que a súa preparación para a Volta a España vai por bo camiño. E David Herrero fai axustes máis precisos e o seu punto de mira acércase á vitoria, que se sumaría á conseguida no Gran Premio Paredes (Portugal).

A terceira e última etapa da Volta a Madrid disputarase en San Sebastián de los Reyes, sobre 154,1 quilómetros. No percorrido inclúese un porto de primeira, outro de segunda e finalmente un de terceira, que o pelotón abordará nesta orde.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: