Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Enquisa lingüística de Educación

PPdeG: "É un primeiro paso cara a un novo decreto e á liberdade lingüística"

Os 'populares' acusan o PSdeG e o BNG de "se opoñeren a que as políticas educativas da Xunta se consensúen cos pais".

Redacción - 17:30 31/07/2009

O PPdeG acusou este venres o PSOE e o BNG de "se opoñeren a que a Xunta consulte aos pais sobre as políticas educativas que vai seguir", especialmente "nun tema como a Educación". Ao respecto, cren que isto mostra "un tic autoritario en socialistas e nacionalistas" que foi "o mesmo que os botou do Goberno hai menos de catro meses".

O portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, foi o encargado de transmitir a valoración do seu partido sobre os resultados da consulta lingüística de Educación. Rodríguez Miranda dixo que "a PSOE e BNG o que lle parece raro é que haxa en Galiza un partido que cumpre as súas promesas e os seus compromisos electorais, algo que eles non estaban afeitos a facer".

O voceiro popular quixo destacar que "o resultado da enquisa, independentemente do resultado, demostra o interese dos pais en opinar sobre a lingua en que son educados os seus fillos", algo que, segundo este, "se confirma pola alta participación rexistrada na consulta a pesar do interese dalgúns grupos de que non fose así".

"Primeiro paso cara a un novo decreto"

"O PPdeG estará sempre ao lado dos que defenden un papel activo dos galegos na política diaria da Xunta, e contra os que aposten por borreguizar a sociedade galega", declarou o seu voceiro, que insistiu en acusar o PSdeG e o BNG de "apostar por impoñer os seus criterios no modelo educativo sen ter en conta a opinión dos cidadáns"

Por último, Rodríguez Miranda salientou que "a Xunta deu un primeiro paso cara a un novo decreto que regulamente o uso do castelán e do galego na educación, que enterre os problemas xerados polo texto aprobado polo bipartito, de forma que hoxe se deu un paso importante cara á liberdade lingüística que nunca debeu perderse en Galiza".


1/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: