O Museo do Mar edita tres libros coas mellores imaxes da exitosa exposición que percorre o país.
Os rostros do mar son todas aquelas fotos nas que aparece a xente en primeiro plano, persoas que dalgunha forma gardan relación co mar, os oficios, a xente do porto ou simplemente reunións de familiares e amigos nas vilas mariñeiras. As fasquias do Mar inclúe imaxes de todo tipo de embarcacións, tipoloxías e categorías feitas ó longo do litoral galego, dende lanchas xeiteiras, dornas ou bucetas hasta os grandes pesqueiros que partían cara o Gran sol. As paisaxes da Memoria amosa diferentes vistas das rías, bahías, enseadas, portos e instantáneas feitas cun gran ángulo de visión, que ofrecen unhas panorámicas excepcionais.
Velaí o que podemos atopar na exposición A memoria do Mar, que viaxa polo país desde o pasado mes de febreiro e continúa a xuntar unha gran base de datos de fotografías persoais de centos de mariñeiros e as súas familias, espalladas por todo o litoral galego. Recolléronse xa 4 milleiros de imaxes doadas por máis de 200 persoas en 25 localidades costeiras diferentes. As imaxes achegadas polas familias son escaneadas e posteriormente devoltas cunha copia dixitalizada como agasallo. Na web pode consultarse unha ampla mostra. A exposición divídese en tres grupos: Cos pés no mar, Do areal ao peirao e O Mar Mirado.
O Museo do Mar de Galicia edita agora tres libros coas mellores fotografías da exposición. Cada un dos volumes contén 60 imaxes, todas elas en branco e negro. O traballo, que foi dixitalizado e tratado polo fotógrafo Enrique Touriño, xa estivo hai uns días en A Guarda e en Boiro.