J. M. Bazarra Maneiro “Sepi” filma entre a Guarda e Caminha a primeira secuela dunha curtametraxe galega.
No 2001, un equipo de xente nova comandada por J. M. Bazarra “Sepi” gravou a curta Berberecho nun clásico bar de Santiago co mesmo nome. Desde a barra, o protagonista analizaba con ironía e frivolidade os personaxes que pasaban polo local. Oito anos despois, Berberecho II volve examinar a sociedade actual, desta volta desde o transbordador que une A Guarda e Caminha na foz do Miño.
Esta é a primeira vez que unha curtametraxe galega conta con secuela. Aquela curta nacera dunha práctica escolar e chegou a estar nominada aos Mestre Mateo. Agora “Sepi” embárcase no Santa Rita de Cassia para dirixir de novo a Carlos Villa, que retoma o personaxe daquela primeira curta. O protagonista é oito anos máis vello e arrastra a experiencia das crises e sucesos que marcaron a década. A súa ollada á sociedade segue a ser igual de nihilista, aínda que desta volta menos frívola e superficial.
O filme sitúase no día seguinte á festa do Monte na Guarda. O protagonista sobe a unha gabarra que leva por nome Berberecho II e alí dispara as súas reflexións acedas sobre o microcosmos social co que se atopa: turistas, mozos que veñen da festa, mormóns, unha parella nun auto tuneado... todos eles serán as vítimas dos dardos verbais do protagonista.
A curta estrearase antes de final de ano. Conta cunha subvención da Consellaría de Cultura e Turismo, coa participación da Morraceira-Asociación Cultural e a colaboración das administracións locais de Caminha e A Guarda.