“Todo o que di o presidente da Real Academia Galega representa o sentir xeral dos académicos”, afirmou.
O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, subscribe as críticas que hai uns días lanzou Xosé Ramón Barreiro á política lingüística que desenvolve o Goberno. Villares sinalou que, como membro da Real Academia Galega (RAG), “todo o que di o presidente representa o sentir xeral dos académicos” e salientou que “a controversia política non é positiva para a lingua”.
Villares situou a súa opinión á marxe do seu cargo como presidente do CCG, ao indicar que o Consello é unha institución con “composición, competencias e dinámica diferentes” ás da RAG. Lembrou que un dos mandatos fundacionais do CCG “é preservar os valores culturais do pobo galego”, polo que apostou por “analizar con firmeza a situación das linguas e nomeadamente do galego".
As declaracións fíxoas este mércores na presentación dun seminario e unhas xornadas sobre a lingua. Ramón Villares non descartou a posibilidade de que o Consello da Cultura faga unha declaración en defensa do galego, pero aclarou que non a faría o presidente, senón o plenario. Villares fixo un chamamento a axentes políticos e institucións a retirar a lingua do debate “curtopracista” da política. “Nin eu, nin os aquí presentes, serán capaces de retiralo. Terán que ser os actores políticos e os partidos”.
Seminario e xornadas
O Consello da Cultura Galega organizará entre decembro deste ano e xuño do vindeiro un seminario sobre “Lingua, sociedade e política en Galiza”. O seminario desenvolverase en catro sesións que versarán sobre a situación sociolingüística actual; os modelos posíbeis de oficialidade e de regulación lingüística no sistema educativo; a situación nos medios de comunicación e no ámbito socioeconómico e os modelos de convivencia para o futuro.
O 22 e 23 de febreiro celebraranse unhas Xornadas de Análise sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. Relatores como Eduardo Ruiz Vieytez, Gwyn Parry, Robert Dunbar, Anna Pla, Elizabeth Craig, Iñaki Lasagabaster e Antoni Milian analizarán o papel da Carta Europea en sectores como o ensino, a xustiza, a comunicación, a cultura, as actividades socioeconómicas e os intercambios transfronteirizos.