Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ORIOL GALERIA D’ART: Zoran MušiÄ?. Pintures i Dibuixos

Expresionismo para representar o silencio e a sinxeleza primordiais

Unha reflexión sobre a soidade, a violencia. Como recrearía MušiÄ? as imaxes que chegan de Gaza, de Bagdad e de Kabul?

Lito Caramés - 22:00 05/10/2009

Oriol Galeria d’Art ofrece unha nova e interesante exposición de arte. Trátase da mostra de 33 obras (pinturas e deseños) de Zoran MušiÄ? (1909-2005), periodista e pintor que viviu o inferno nos campos de exterminio nazis. De orixe eslovena, tivo por oficio o periodismo, aínda que sempre practicou a pintura. No ano 1935 estivo en Madrid, de correspondente, e foi un visitante habitual do Museo del Prado.

Il paesagio desertico che è la vita

Logo foi destinado a Venecia, alí os nazis acusárono de actividades anti-alemás e levárono ao campo de Dachau (1944), verdadeira escola de vida e pintura para MušiÄ?. Os meses que está no campo debuxa cadáveres amoreados con tinta que rouba na enfermería. Debuxa os mortos, non representando o horror que lle toca ver, senón máis ben a dor das vidas eliminadas, a dor do pulo cotiá: a morte. Liberado o campo volve a Venecia e alí continúa facendo o mesmo que facía antes de vivir a experiencia do campo de exterminio: paisaxes e paisanaxes dálmatas, mulleres, cabalos, montes... A diferenza é que agora trata de buscar e reproducir a esencia das figuras e dos elementos, reducindo a paleta a poucas cores; cores ocres e marróns, minerais.

Zoran MušiÄ?, amante da simplicidade e ilustrador do silencio, sempre pintou series, series que segundo confesión do artista, chegábanlle. Cando un tema lle interesaba ou obsesionaba volvía sobre el. Así van saíndo Paisaxe rochoso, Interior de Catedral (que tanto lembra os amplos lenzos de Rothko), Autorretrato, Paisaxe de Siena, a conmovedora Nous ne sommes pas les derniers etc., todas elas agora na Galería Oriol.

Nous ne sommes pas les derniers

A comezos dos anos setenta volven os cadáveres. Volven saír os mortos do campo de Dachau que levaban trinta anos nos miolos de Zoran. Por que saen agora? Por que teñen que pasar tantos anos para volver a eles? MušiÄ? deixou dito que os cadáveres saíron nos anos setenta cando comezou a ver as atrocidades doutras guerras (a do Vietnam, por exemplo). Inmediatamente lle viñeron aos miolos o que eles pensaban e comentaban ao remate da Segunda Guerra Mundial: isto non volverá suceder, Nós somos os últimos que viviremos o horror. Por se hai algunha dúbida sobre os seus azos, a serie de pinturas que fai nos anos setenta titúlaa: Nous ne sommes pas les derniers. Os corpos sen vida que MušiÄ? debuxa e pinta teñen a cor da terra (identificación do espazo coas anatomías que se amorean no chan), como se un panteísmo mineral uniformizase todos seres e cousas. As formas individuais están a penas suxeridas por trazos negros. Nunhas declaracións sobre o seu traballo artístico, MušiÄ? afirmou que a súa pintura sempre gravitara a redor dun tema: Il paesagio desertico che è la vita (a paisaxe desértica que é a vida).

Sobrevivir agochando a traxedia?

A peripecia de Zoran -retornar á experiencia traumática moito tempo despois- non é única. Jorge Semprún ten dito que, ao saír do campo fixo unha cura de amnesia para evitar o suicidio (como se todo pasase nun soño). Pero, a partir de 1963, comezou a escribir sobre a súa estadía no campo de Buchenwald (Le Grand Voyage, Quel Beau Dimange!, L'escriture ou la vie). Máis casos. Hai publicada unha novela que ben pode ser a banda impresa desta exposición: Sin Destino, de Imre Kertész (Acantilado, 2001); o autor (premio Nobel de Literatura, 2002) viviu a experiencia dos campos de exterminio cando tiña 15 anos e escribe esta novela con 46 anos. Tanto tempo ten que pasar para poder trousar os demos? Sin Destino está escrita en primeira persoa, de xeito obxectivo, sen reclamos á traxedia, con linguaxe neutra, sen xuízos de valor, queixas, opinións nin denuncias. MušiÄ? fai o mesmo cos debuxos e as pinturas: elaborar unha crónica do que viu e do que viviu. Algo parecido pódese dicir de Ballard quen en 1984 escribiu The Empire of Sun, obra autobiográfica do seu paso por campos de concentración xaponés (hai filme de Spielberg). O tema central da banda deseñada Vals con Bashir é o mesmo. Ari Folman (o autor) non lembra nada do que pasou nos campos de refuxiados de Sabra e Chatila (Líbano), nin que el foi testemuña das matanzas, até que un acontecemento lle dispara a memoria. (Hai un filme co mesmo título, nacido do cómic). A destacar que as cores usadas nesta banda deseñada (case monocroma) son as terras que se ven nos lenzos de MušiÄ?.

A lista é inmensa. Seguramente moita máis xente (coñecida e anónima) tivo esta experiencia coa Guerra Civil, a II G. Mundial, Vietnam: a distancia dos anos permite rememorar a traxedia, que sempre volve. En verbas de Zoran MušiÄ?: “E entón volveron os cadáveres, así, sen pensar. A pesar de todo, non os esquecera”. Sería bo que quen coñeza comportamentos deste tipo, xa persoais xa doutra xente, que deixase testemuña escrita nos comentarios que se poden facer a esta reseña.

E desgraciadamente hai que darlle a razón a MušiÄ?, non foron os últimos. Nos vieiros humanos sempre están as mesmas pedras.

EXPOSICIÓN: Zoran MušiÄ?. Pintures i Dibuixos

Oriol Galeria d’Art, Provença, 264 (Barcelona)
Até o 31 de outubro de 2009.
Horario: de luns a sábados, de 10 a 14 h. E de 16,30 a 20,30 h.
Entrada de balde.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Ida", Zoran MušiÄ?, 1950
"Ida", Zoran MušiÄ?, 1950
"Paesagio rocoso", Zoran MušiÄ?, 1978
"Paesagio rocoso", Zoran MušiÄ?, 1978
"Autorretrato in piedi", Zoran MušiÄ?, 1995
"Autorretrato in piedi", Zoran MušiÄ?, 1995
"Interno de catedrale", Zoran MušiÄ?, 1984
"Interno de catedrale", Zoran MušiÄ?, 1984
"Nous ne son pas les dernieres", Zoran MušiÄ?, 1972
"Nous ne son pas les dernieres", Zoran MušiÄ?, 1972
MušiÄ? no seu obradoiro, anos 70
MušiÄ? no seu obradoiro, anos 70