As citas audiovisuais do outono reducen orzamento á espera de que se materialice o apoio prometido polo secretario xeral de Medios.
Esta fin de semana arranca o Festival Internacional de Cine de Ourense, ao tempo que en Santiago se pon en marcha o Curtocircuito. Iníciase o outono cinematográfico, no que se celebran algúns dos festivais máis importantes de Galiza: a finais de outubro chega o Amal, e en novembro Cineuropa e o veterano certame de curtas de Vilagarcía. Pero, case seis meses despois da toma de posesión do novo Goberno, permanecen abertas a maioría das interrogantes sobre a xestión do audiovisual na Xunta. E entre elas, que organismo vai xestionar o apoio aos festivais de cine e de que maneira o vai facer.
Este ano non se publicou a convocatoria de axudas aos festivais audiovisuais, que a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual convocara nos tres anos anteriores. En 2008 os 315 mil euros das axudas serviron para apoiar 26 eventos, que en moitos recibiron tamén financiamento doutros departamentos autonómicos, como a Consellaría de Cultura, a Consellaría de Innovación e Industria, a Secretaría Xeral de Normalización Lingüística ou a Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar, segundo os casos.
Competencia sen dono
Agora parece que o novo goberno quere cambiara os criterios. Se a semana pasada o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, aseguraba que os certames audiovisuais que o solicitasen terían axuda económica, estes días facía unhas declaracións á prensa nas que cuestiona a convenciencia de que existan tantos certames en Galiza. Consultada a Secretaría Xeral de Medios sobre cal vai ser a nova política de apoio aos festivais, non houbo resposta, tampouco á pregunta de se este departamento será finalmente o que decida as axudas aos certames audiovisuais galegos.
Medio ano despois do cambio de goberno segue sen saberse que organismo ou departamento vai xestionar o audiovisual. O modelo do bipartito, no que as competencias se repartían entre Cultura e Presidencia (BNG e PSdeG) foi posto en cuestión tanto polo PP como polos axentes do sector. Pero a alternativa popular faise de rogar. A Secretaría Xeral de Medios, a Consellaría de Economía e Industria, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Consorcio Audiovisual soaron para asumir esa tarefa, pero a incógnita segue sen despexarse. Esta mesma semana o BNG criticaba que na Xunta “hai unha guerra polo control das competencias do sector audiovisual”.
Festivais cautelosos
E mentres o reparto de funcións na Xunta segue sen aclararse, os festivais confían na promesa de axuda e agardan con cautela a ver como se concreta. É a postura de Enrique Nicanor, director do Festival Internacional de Ourense (OUFF), que entende que “esta é unha etapa de reestruturación do audiovisual, e os novos responsábeis teñen que establecer novos criterios”.
Nicanor admite que o deste ano “vai ser un festival con contención económica” debido a que “hai seis meses non tiñamos a certeza de con cantos cartos podiamos contar”. Amósase optimista, porque na Consellaría de Cultura “respectaron” o convenio asinado co anterior Goberno, “e o secretario xeral de Medios manifestou que haberá diñeiro para todos”, aínda que recoñeceu que a cifra destinada ao de Ourense “está sen establecer”.
En Compostela, os festivais afrontan de maneira diferente a incerteza sobre o apoio económico do Goberno. Desde a Fundación Araguaney, organizadora do certame de cinema árabe Amal, sinalan que “a pesar da retirada das tradicionais axudas a festivais”, este ano a “achega da Xunta é similar á de edicións anteriores”.
Menos fondos
A Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, organizadora do Curtocircuito e de Cineuropa, dá conta da redución do financiamento da Xunta. “Este ano achega os 20 mil euros que xa deixara comprometida a Consellaría de Cultura cando a dirixía Ánxela Bugallo”, explica Paulo Rodríguez, director-xerente do Auditorio de Galicia. A cifra contrasta cos 93.500 euros que o certame recibiu de distintos departamentos autonómicos o ano pasado, incluíndo os 24 mil da convocatoria da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. En Cineuropa, a achega da Xunta para este ano é de 30 mil euros, tamén mediante un convenio asinado con Cultura na anterior lexislatura. Ante as recentes promesas de Cabaleiro de apoio aos festivais, Rodríguez sinala que teñen previsto manter contactos coa Xunta “para ver se hai algunha liña de financiamento nova”.
A finais de novembro celébrase un festival que, aínda que menor que os anteriores en orzamento e repercusión, supéraos a todos en veteranía. O certame Liceo Casino de Vilagarcía vai pola súa 37ª edición, o que o converte no máis antigo de Galiza. Agora afronta un ano complicado, con recortes no orzamento pola caída dos patrocinios privados e a falta de axuda económica da Xunta, “que por agora está sen concretar”, explica o xerente da entidade, Óscar Rodríguez. O certame busca diferentes vías para suplir os 10 mil euros que recibiu na convocatoria para festivais do ano pasado. “Contamos con que haxa apoio da Xunta, aínda que supoño que é difícil chegar á cantidade de anos anteriores”, algo que entende polo contexto de crise existente.
Cinco citas para o outono
Con ou sen axuda da Xunta, o certo é que os principais festivais previstos para o outono van seguir adiante. Curtocircuito e OUFF serán os primeiros en acender os proxectores, do 10 ao 17 de outubro. O Festival Internacional de Cine de Ourense quere ser máis provocador este ano, polo que aposta por filmes de temática arriscada e controvertida, coa incorporación da sección “Nos límites”. Dedícase un ciclo a Hungría e outro ao cine que trata a homosexualidade. O festival homenaxea a Eduardo Blanco Amor e ao animador escocés Norman McLaren, e por primeira vez implica aos escolares na creación e exhibición de cine coa sección OUFF Escola.
A semana oficial do Curtocircuito inclúe o IV Mercado Internacional de Curtametraxes, no que os profesionais terán á súa disposición as 2.552 curtas chegadas de 94 países. Xunto a outros programas paralelos, obradoiros e actividades para profesionais, na sección oficial exhibiranse as 125 curtas seleccionadas en catro categorías: curtas de Galiza, do Estado, internacionais e a sección Explora, para producións alternativas.
Do 23 ao 31 de outubro toma o relevo o Festival Amal, o único de Europa centrado no cine árabe. En Santiago proxectaranse longametraxes e curtas que abordan temas como a situación de palestina, o papel da muller nas sociedades árabes e as migracións, xa sexa con obras de ficción ou documentais. Nesta edición engade o certame Amal Express, un concurso on-line no que creadores de todo o mundo disporán de catro días para realizar unha curtametraxe de cinco minutos.
En novembro volve Cineuropa, unha cita clásica que conta co entusiasmo do público universitario de Compostela. E a final dese mes é a quenda do Certame Audiovisual Internacional Liceo Casino de Vilagarcía, para o que aínda está aberto ata o 15 de outubro o prazo para presentar curtametraxes.