Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Entrevista: Henrique Monteagudo

"A excesiva identificación do galego co nacionalismo é malo para o galego e malo para o nacionalismo"

O recoñecido sociolingüista, membro da plataforma 'Galego. Patrimonio da Humanidade',  fala da necesidade dun gran consenso arredor da lingua.

F. Arrizado - 13:55 21/10/2009

Recoñecido sociolingüística, profesor de Filoloxía Galega na USC e secretario do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo (Muros, 1959) é un dos impulsores de 'Galego. Patrimonio da Humanidade'.

Este colectivo de opinión, nacido hai tres meses co obxectivo de crear un espazo plural de debate para a recuperación do consenso lingüístico, ten previsto organizar un "acto de reflexión" sobre a lingua o 14 de novembro ás 12.00 horas, no Teatro Principal de Compostela, que estará aberto ao público.

Falamos con Monteagudo da normalización e da política lingüística pasada, presente e futura tomando como punto de referencia a histórica manifestación a prol da lingua do domingo.

Vieiros: Que valoración fan desde a plataforma 'Galego. Patrimonio da Humanidade' da marcha e que conclusións en positivo se poden tirar de cara ao futuro?
Henrique Monteagudo: Foi un grande éxito tanto pola asistencia como pola diversidade de grupos e de colectivos sociais que participaron, tanto xente nova, como maiores, castelanfalantes, ... E tamén polas mensaxes que se lanzaron desde a tribuna coas que se puido ver identificado un amplo abano de sensibilidades. A pluralidade, evitar a apropiación e o monopolio da defensa do galego, coido que é moi importante.

Alá por xullo, escribía vostede nunha columna de opinión: "O idioma galego está comezando a dar mostras dunha renovada vitalidade, albíscase unha recuperación histórica e no camiño gañado non imos recuar da noite para a mañá". A manifestación do domingo é unha evidencia disto?
Eu estaba máis pensando en cuestións sociais de fondo, en mensaxes catastrofistas que moitas veces fixo a RAG ou A Mesa sobre a caída dramática do número de galegofalantes. Mensaxes que por outra banda empiricamente non se sosteñen. Ao contrario. Os datos mostran que houbo unha frea na transmisión xeracional e mesmo comeza a haber unha pequena recuperación. A reacción hostil de elites sociais, políticas, económicas non se corresponde con que o galego estea morrendo. Dificilmente se explicarían os ataques se non é por teren unha percepción de que a lingua galega está a gañar terreo. Se o galego está morrendo por que non o deixan morrer sen máis?

Mais non pensa que isto que di, que o galego non está en perigo, podería levar a unha desmobilización da xente?

Non, non. Primeiro, os datos son os que son e non se poden instrumentalizar. Eu son profesor, teño un compromiso de veracidade. Mais tamén creo que un proceso tan complexo como a normalización require da autoconfianza dos que tantos esforzos levan feito. A min se me din que todo o traballo de tanta xente implicada durante todos estes anos non está a dar resultados, que se esta a desbaldir, a min iso tamén me desmobiliza.

Volvendo á manifestación. Desde o PPdeG arguméntase que o pobo xa a falou nas urnas, presentando as eleccións do 1 de marzo como se fosen un referendo lingüístico ...

Iso non se sostén. Ademais, esquecemos que o PPdeG gañou en deputados mais non en votos. Hai temas básicos que non se cuestionan sempre que hai un proceso electoral. Tamén o PSdeG e o BNG son forzas tradicionalmente republicanas e isto non significa que cada vez que gañen o electorado estea a pedir a abolición da monarquía. Non podemos deixar a política lingüística e a normalización ao albur de cada comicio porque estaríamonos a pegar tiros nos pés. Os inquéritos do CIS son concluíntes sobre a influencia da cuestión lingüística nos votantes, que foi nun sector reducidísimo que non pasa do 2%. Mais cando uns poucos votos deciden un deputado para obter a maioría absoluta valen moito. A estratexia do PPdeG foi facer seus os sentimentos dunha exigua minoría electoral. Está vez saíulle ben, mais veremos se a súa base electoral non lle acaba pasando factura.

O 14 de novembro, a plataforma 'Galego. Patrimonio da Humanidade' vai desenvolver un "acto de reflexión" sobre a situación da normalización lingüística, coa participación de dirixentes do PSdeG, CC.OO, UXT, ... e tamén do BNG. É evidente que cómpre ampliar o abano ideolóxico dos que queren pór en valor o galego, non é?

Nós máis que unha plataforma somos un colectivo de opinión. Algúns de nós mesmo estamos en varias plataformas á vez. Queremos dirixirnos á sociedade en base a dous puntos principais: interpelar aos sectores sociais non nacionalistas, rachar a estratexia da dereita para dividir o bipartito de que galego é igual a BNG, sacrificando o idioma; e facer visíbel a súa adhesión. Pensamos que hai que renovar a base do discurso público e social sobre a lingua, que actualmente se asenta sobre os mesmos presupostos que había durante o franquismo. O galego é unha cuestión de cidadanía, de país. Este discurso é solidario co anterior sen ter que asumir presupostos únicos do nacionalismo e que, evidentemente, non vai contra o nacionalismo. Coido que a excesiva identificación do galego co nacionalismo é malo para o galego e malo para o nacionalismo. Fai falla un discurso progalego.

Isto tamén serviría para o PPdeG ...

Oxalá. Mais, así como a adhesión a 'Galego. Patrimonio da Humanidade' do progresismo foi natural, porque eles mesmos viñeron a nós, na xente do PP non foi tal. É un problema de todos, mais é principalmente un problema deles, non noso. Cando se dean de conta de que non se sumaren vai na súa contra, eu creo que o farán.

A pluralidade ideolóxica constatouse na manifestación do domingo, mais tamén a social. Había moitos cativos ...

Había moitas familias. E creo que é algo moi importante, que tamén hai que facer visíbel. Porque esta xente "defensora da liberdade dos nenos contra o fanatismo de imposición nacionalista" pensan que os galeguistas non temos fillos. A miña escribiu cos compañeiros unha carta a un xornal e quedou asustada cos comentarios: que nos os coman la cabeza los profesores del Bloque, hacedle caso a vuestros papás. Por iso, enlazando co que falabamos ao principio, é importante facer ver que hai un sector emerxente de pais que transmiten o galego aos fillos, que senten frustrados os seus esforzos ao ver que volven da escola falando castelán. Mais tamén hai que valora moi positivamente que na manifestación había moitos maiores.

E tamén persoas que non usan o galego na súa vida diaria, aínda que hai quen di que estaban principalmente para darlle nos fuciños ao Feijoo ...

É certo que había persoas do PSOE que ían coa cobertura do partido. Mais reflicte o malestar dos que falan habitualmente castelán por diversas razóns por que haxa políticos que se levanten no seu nome para atacar o galego.


3,91/5 (68 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: