Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
complexo industrial que leva máis de 50 anos destruíndo os recursos naturais

ENCE-ELNOSA na comarca?...... NON GRAZAS!

As recentes declaracións do Conselleiro de Medio Ambiente Sr. Hernández nas que asegura que a Xunta de Galicia está a manter conversas coa dirección de ENCE e que empraza á empresa a trasladarse dentro da comarca de Pontevedra, reabre o debate na nosa comarca, un debate que ven marcado polas mesmas ambigüidades e mentiras utilizadas polos sucesivos gobernos autonómicos e no que a Asociación Pola Defensa da Ría ten moito que dicir.

Asociación Pola Defensa da Ría - 10:53 27/10/2009

Na APDR estamos convencidos de que, como os anteriores gobernos da Xunta, tamén este goberno autonómico vai actuar en función dos intereses empresariais e -unha volta máis- vai deixar nas mans dos seus directivos a decisión última, ignorando a inequívoca posición da cidadanía que esixe a desaparición do complexo do actual emprazamento.

En efecto, a práctica totalidade das organizacións sociais apostan hoxe por esta posición, e só a dirección comarcal de CC.OO. (boa parte dos seus afiliados afirman estar en contra da presenza de ENCE-ELNOSA na nosa Ría) está pola permanencia do complexo en Lourizán.

Neste sentido, desde a APDR queremos deixar clara a nosa posición ao respecto da presenza na nosa Ría dun complexo industrial que leva máis de 50 anos destruíndo os recursos naturais, o medio ambiente, a calidade de vida e o emprego na bisbarra, xa que imposibilita a creación de postos de traballo derivados dun modelo de desenvolvemento sustentábel baseado na explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros, forestais e turísticos; queremos deixar claro tamén, que, fronte ás mentiras e falsas promesas das distintas administracións, mantemos unha posición firme sobre a presenza na nosa Ría dun complexo que sigue a incumprir boa parte da lexislación en materia medioambiental, unha posición que se concreta nos seguintes puntos:

1º.- Esiximos o fin da actividade do complexo ENCE-ELNOSA na nosa Ría con anterioridade ao 2018.

2º.- De ningún xeito imos admitir o traslado do complexo dentro da comarca de Pontevedra, xa que suporía manter o actual problema.

3º.- Así mesmo, non entenderíamos que o goberno da Xunta premiara, do xeito que fora, a unha empresa que se veu caracterizando pola falta de respecto á lexislación vixente, pola destrución da natureza e o emprego, e pola agresión á calidade de vida e á saúde das persoas.

Xa por último, instamos á Consellería de Medio Ambiente a fixar data e hora para a entrevista solicitada pola nosa Xunta Directiva hai xa algúns meses para tratar este particular.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: