Galiza e Brasil cerran un acordo polo que entre oito dez grupos galegos actuarán no estado brasileiro en xuño de 2010.
O expositor de Galiza en Womex
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o estado brasileiro de Minas Gerais acordaron promover o intercambio de grupos e artistas. O acordo pechouse en Copenhague, onde estes días se celebrou unha nova edición de Womex, a principal feira internacional de música folk, de raíz, étnica e tradicional. Entre oito e dez grupos galegos participarán en xuño de 2010 nun ciclo dunha semana de duración nun dos maiores e máis poboados estados brasileiros. Como contrapartida, Galiza acollerá o ano vindeiro unha semana cultural de música brasileira.
Galiza estivo presente un ano máis en Womex baixo a marca Galician Tunes. Entre os máis de tres mil axentes acreditados de 90 países diferentes atopábase a delegación galega, composta pola Agadic, as dúas asociacións do sector, AGEM e Agaphono, e dez empresas: Falcatruada, Ouvirmos, Zouma Records, Berrogüetto Producións, Abada, Mare, Articket, Sul Produccións, Nordesía e Lóspregos. A Consellería de Cultura e Turismo calcula que máis de dúas mil persoas pasaron polo expositor galego na capital danesa, no que se distribuíu un cd cunha selección de temas de artistas galegos, a guía Galician Festivals, que recolle a listaxe de festivais máis destacados do país, e a revista Ao Vivo Música.