As críticas de Niall Connolly ao goberno local fixeron que os edís decidisen dimitir por "condicións laborais imposíbeis".
11 dos 15 concelleiros de Somerton Town, no Reino Unido, dimitiron en bloque despois de seren criticados repetidamente por un blogueiro. Na bitácora Muck&Brass, Niall Connolly chamoulles "burros" aos políticos e tachou un panfleto de "chamada ás armas nazi".
Porén, Connolly rexeita a idea de que os concelleiros dimitisen por mor do blog: "Se botarlle a culpa a Muck&Brass lles axuda a durmir pola noite, paréceme ben, pero faltan á verdade. Estes concelleiros estiveron durante demasiado tempo ignorando a comunidade que teñen que servir". O concello terá que convocar novas eleccións ao non haber quórum suficiente para tomar decisións.
Connolly, que comezou a escribir o seu blog en 2006, afirma, nunha entrada, que o folleto "Bos cidadáns", publicado polo concello e referido aos dereito ao voto "semella máis unha chamada ás armas nazi ou un convite á limpeza étnica". Noutra, láiase de que os concelleiros "pallasos" ignoraban a democracia e actuaban como se "acabasen de descubrir a palabra".
Un dos dimitidos, o ex-vicepresidente Anthony Canvin, de 61 anos, declarou na BBC: "non vou soportar isto mentres traballo para o pobo. Dixen 'xa abonda' e presentei a miña dimisión". Propúxose unha moción de que os membros marchaban por "condicións laborais imposíbeis". Isto levou a que 11 concelleiros dimitisen. Despois, outro abandonou o concello por simpatía, e un máis fíxoo durante a fin de semana. Ao quedaren só dúas persoas, menos do terzo de quórum requirido, foi necesario convocar novos comicios.