O plan, que custaría uns 780 millóns de euros, sería sufragado polas operadoras de telefonía, que serían compensadas con créditos fiscais.
O presidente de Brasil, Lula da Silva, está a negociar con empresas de telefonía móbil a entrega de 11 millóns de teléfonos móbiles de balde a familias brasileiras de baixos recursos. Segundo publica o diario O Globo, o goberno entende que, deste xeito, se eliminarían as diferenzas tecnolóxicas, revertendo nas diferenzas sociais.
O plan custaría uns dous mil millóns de reais (uns 780 millóns de euros) e está dirixido a 11 millóns de potenciais clientes. Sería sufragado polas propias operadoras, interesadas en gañar un oco maior no mercado. A maiores, recibirán compensacións a xeito de créditos fiscais por parte do goberno.
O programa, que recibe o nome de Bolsa Celular, estipula que cada familia reciba un teléfono móbil e un crédito de sete reais (2,73 euros) ao mes. Dunha banda, o goberno asegura que as operadoras poderían conseguir a expansión do sistema de telefonía móbil e, pola outra, as empresas basean as súas expectativas de beneficio en que as familias acabarán superando o consumo de sete reais.
Pola súa parte, a oposición xa criticou a medida, que entende "electoralista" (falta menos dun ano para os comicios electorais). Asemade, hai outras correntes que tamén se opoñen: a Comisión de Ciencia e Tecnoloxía da Cámara de Deputados dixo que os esforzos do goberno deberían centrarse na masificación de internet e non na telefonía, argumentando que xa operan en Brasil case 170 millóns de móbiles.