Organismos públicos dos dous estados europeos advirten do perigo de usar o navegador de Microsoft, despois de que se publicasen novas vulnerabilidades.
Dous gobernos europeos coincidiron en recomendar non usar o navegador Internet Explorer de Microsoft polos problemas de seguridade que leva consigo. Por unha banda, a Oficina Federal para a Seguridade da Información (BSI), en Alemaña, publicou unha advertencia desaconsellando o uso do software de Microsoft para navegar pola web, despois de que a compañía estadounidense recoñecese que os fallos no seu produto foron a causa duns recentes ataques contra Google.
Porén, Microsoft rexeitou o consello emitido pola oficina, alegando que o risco para os usuarios é baixo e que os problemas se poden solucionar reforzando a configuración do Explorer. As autoridades alemás replicaron que nin iso fai que o navegador sexa completamente seguro.
Aínda que a próxima actualización de seguridade de Microsoft está prevista para o 9 de febreiro, a compañía asegurou que os seus técnicos xa están traballando en solucionar os fallos canto antes. Ese problema aféctalles a todas as versións do Explorer, aínda que as máis antigas contan con máis problemas.
Mentres, o centro francés especializado no tratamento de ataques informáticos (Certa) fixo pública outra recomendación para que se empreguen navegadores alternativos ao de Microsoft "á espera dunha corrección". Segundo o organismo público, a vulnerabilidade do Internet Explorer permite a execución de código a distancia.