Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
POSICIONAMENTO HISTÓRICO

A RAG péchalle a porta ao 'decretazo'

A Academia advirte que a proposta é lesiva para a lingua e que pode infrinxir a legalidade. Pide a súa retirada e que se abra un diálogo para chegar a un verdadeiro consenso.

Redacción - 14:00 18/01/2010
Tags: decreto RAG

A proposta de decreto lingüístico para o ensino non universitario é, simplemente, inaceptábel. A emenda a totalidade non vén dende unha organización política ou social, quen así se expresa é a máxima autoridade lingüística: a Real Academia Galega. O posicionamento claro desta institución deixa o  Goberno na máis absoluta soidade.

O documento de 13 páxinas, aprobado por todos os académicos, é contundente dende o primeiro punto: “As Bases que se analizan poderían producir un retroceso no proceso de normalización, que infrinxe a lexislación vixente e maila xurisprudencia emitida polos altos Tribunais e que tampouco se sustenta na mellor organización do proceso pedagóxico senón, unicamente, en promesas electorais que son de dubidosa legalidade e que, por esa razón, non parecen validables polas urnas”.

O texto, no que hai abundantes referencias á lexislación vixente, insiste en que as bases do Goberno son incoherentes con Plan Xeral de Normalización e que poden vulnerar o Estatuto de Autonomía e incluso a Constitución española. Fronte á proposta da Consellaría de Educación, a RAG recomenda abrir “un diálogo franco con vontade de concordia definitiva, porque a sociedade está cansa da duración das discordias lingüísticas e de que toda a melloría do enfermo pareza perigosa. Todas as forzas políticas deberían facer un esforzo de pacificación e construír un diálogo sobre bases que garantan a plena normalización do galego e a plena competencia oral e escrita ao final de cada ciclo nas dúas (ou tres) linguas”.

A RAG lembra que o galego é a lingua propia do país e que os cidadáns “esperan que o seu Goberno sexa o primeiro e inequívoco defensor. Por iso se asombran e mobilizan cando perciben xestos que, polo menos, parecen ir en dirección contraria”. A máxima institución académica fai fincapé na necesidade dunha discriminación positiva “mentres a lingua galega non sexa o centro de gravidade do modelo bilingüe e estea asegurado o respecto e fomento do uso da lingua propia e cooficial desta Comunidade Autónoma para corrixir positivamente unha situación histórica de desigualdade co castelán”.


4,73/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: