"Coñecer e recoñecer publicamente a cultura galega en xeral (...) é o primeiro paso necesario para superar tópicos arcaicos e caducos", din.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), agrupada na actualidade entorno a un colectivo de 381 autoras e autores, representantes da creación literaria en lingua galega, expresou esta quinta feira o seu apoio aos once escritores galardoados co Premio Nacional do Ministerio de Cultura que asinaron un documento pedindo a dimisión do conselleiro de Cultura, Roberto Varela.
A AELG "comparte o seu reclamo da necesaria valoración responsábel e obxectiva para a cultura galega, pensada e (re)creada en galego, entendéndoa sempre integrada nun escenario permeábel e aberto ao mundo desde a procura da necesaria reatroalimentación que comeza polo coñecemento, apreciación e dignificación do propio".
Neste senso, a asociación considera que a concesión do galardón a estes autores "ratifica a capacidade dos nosos creadores e creadoras de seren autores dunha creación literaria exportábel alén das nosas fronteiras que nos enche de orgullo e admiración, e que só require destinatarios e receptores con vontade de se aproximar a ela e interpretala como un legado senlleiro dentro doutros parámetros globais".
"Coñecer e recoñecer publicamente a cultura galega en xeral, e a literatura galega dos nosos escritores en particular, é o primeiro paso necesario para superar tópicos arcaicos e caducos e acreditar definitivamente na capacidade, valía e potencial enriquecedor da súa divulgación, materia pendente aínda de abranguer cun proxecto contundente e de futuro", conclúen.