Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Porén, prevese que Ban Ki-Moon repita

Lula da Silva podería aspirar á Secretaría Xeral da ONU

Unha reportaxe do xornal inglés The Times apunta esta posibilidade, aínda que presumibelmente atoparía a oposición dos países asiáticos.

Redacción - 12:15 23/03/2010
Lula, con Clinton e Rousseff

Lula, con Clinton e Rousseff

Segundo unha reportaxe publicada esta fin de semana polo xornal inglés The Times, Lula da Silva podería aspirar ao posto de secretario xeral de Nacións Unidas, cargo que ocupa actualmente o ex ministro de Exteriores surcoreano, Ban Ki-Moon.

O presidente do Brasil, que remata mandato a finais de ano, estaría a levar a cabo unha consulta con persoas próximas para definir seu futuro, informa o diario. Ao parecer, a idea foi proposta inicialmente polo seu homólogo francés, Nicolás Sarkozy, na cimeira do G-20 de setembro.

Marco Aurélio Garcia, asesor da Presidencia brasileira para Asuntos Internacionais, non negou a posibilidade. Lula ten un "enorme interese en cuestións internacionais", especialmente no proceso de integración de Latinoamérica, así como "unha grande paixón por África", sinalou.

Pros e contras

Entre as virtudes do dirixente brasileiro, de acordo co xornal, están o estilo persoal e a súa capacidade para manter relacións amigábeis con todo o mundo. No entanto, o feito de ter recibido en novembro a Mahmoud Ahmadinejad e as críticas ás sancións contra Irán, así como o apoio a Arxentina na disputa polas Malvinas xogan na súa contra.

Ademais, a diplomacia internacional prevé que Ban Ki-Moon opte a unha nova xeira de cinco anos (que remata no Nadal de 2011) e que sexa apoiado. Mesmo no caso de renunciar a repetir, apunta The Times, os países asiáticos apoiarían a candidatura dun seu 'compatriota'.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: