Castelao debuxouno: o rapaz ben calzado dille ao das zocas que está prohibido empurrar. A neutralidade é as veces imposible. A lingua en situacións como a galega, tamén é unha cuestión moral. Sei que isto resulta inconcibible para a maioría. Para a maioría electoral –ten razón don Alberto- é algo neutro, coma o orballo, a caldeirara de raia –quizais non tan importante- ou a urbanización da costa. Para unha parte crecente da minoría, tristemente, tamén é un mero instrumento, útil no campo de batalla, prescindible en tantas outras ocasións.
A moral, palabra masacrada, non vai de condóns, ritos e remontadas futbolísticas. Si ten que ver con vivir con coherencia. E cos principios, que tamén están en crise de identidade –que xa o dicía Marx, don Groucho, “eu teño os meus principios, pero se non lle gustan, cámbioos”.
Se o Consello de Europa publica a Carta Europea das Linguas Minoritarias é porque está facendo unha “orientación de valor”. Porque nesa carta, orientadora das políticas dos países que a ratifican –como o Reino de España, que o fixo en abril de 2001- ínstase aos Estados non só a respectar, que tamén, senón a “facilitar e fomentar” o uso destas linguas. Se non vale a neutralidade, é porque hai un valor colectivo recoñecible e recoñecido.
En Galicia está documentado o retroceso no uso da lingua propia. Un ex-profesor de universidade, chamado Anxo Lorenzo, describíao así no 2002, nun Congreso Mundial en Barcelona, falando sobre as políticas lingüísticas: “Parece que tales esforzos normalizadores nin deteñen o proceso substitutorio nin supoñen, no fondo, un contrapeso efectivo”. Por iso, que, nesta cuestión, hai sitio para unha pregunta moral: Como o meu comportamento coopera, é indiferente ou contrarresta ese proceso.
O decreto do líolingüismo pode crear esta situación: que a unha profesora capaz, motivada e decidida a dar a súa materia en galego lle sexa prohibido facelo; que a un profesor incapaz, desmotivado, e decidido a nunca falar en galego lle sexa encomendada a docencia en galego.
A pataqueira é impresionante. Se hai espazo para a moral, a obxección de conciencia é lexítima e os tribunais non tardarán en recoñecela. Recoméndolle a don Anxo, que xa non é profesor, que a regule nunha disposición adicional. Porque isto vai ser moito.