Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
BRASIL

Contra a deforestación da Amazonía: dividir para vencer

O goberno de Brasil prevé a súa fragmentación en dez rexións, para deseñar diferentes estratexias contra a degradación ambiental.

Redacción - 10:00 28/03/2010
A Amazonía é o maior bosque tropical do planeta e recibe o nome de "pulmón do mundo"

A Amazonía é o maior bosque tropical do planeta e recibe o nome de "pulmón do mundo"

O proxecto recibe o nome de “Macrozoneamento Ecológico Económico” e prevé a adopción de estratexias diferentes para cada unha das dez rexións nas que propón dividir a Amazonía. Deste xeito, preténdese regular as actividades económicas e evitar a degradación ambiental, en especial a deforestación que está a ameazar a biodiversidade e a vexetación do bosque amazónico.

Esta iniciativa xa conta con dous anos de maduración, logo de achegar a opinión de expertos, de facer diferentes estudos e mesmo foi sometido a consulta pública, a través de internet. O seu obxectivo é o de converterse nun instrumento de planificación e xestión ambiental e territorial e a súa principal aposta é a de promover a transición do modelo económico actual cara a un modelo de desenvolvemento sostido, que sexa quen de contemplar as diferentes realidades e prioridades de todos os territorios da Amazonía.

O texto inclúe ademais unha recomendación ao Consello Monetario Nacional para que, nalgunhas áreas, promova restricións para subvencións ou financiamento de actividades agrarias ou gandeiras. O ministro de Medio Ambiente brasileiro, Carlos Minc, asegura que esta medida permitirá cumprir os compromisos asumidos por Brasil nas Nacións Unidas para a redución de emisións de gases do efecto invernadoiro.

Os ecoloxistas recíbeno con reservas
Con todo, segundo informa o xornal Estadão, o proxecto está a espertar certos “pesadelos dos ambientalistas”. O documento preserva obras do Plano de Aceleração do Crescimento, mesmo as que afectan a áreas de preservación. Denuncian que mentres se impoñen restricións aos gandeiros, crearase un muro de protección duns 1.700 quilómetros no límite sur da Amazonía para impedir que a deforestación afecte ao corazón do bosque.

Ademais, o documento inclúe a conclusión de obras polémicas, como a pavimentación da Transamazónica ou a construción da estrada que une Cuiabá (Mato Grosso) e Santarém (Pará) e atravesa territorios indíxenas e áreas de protección ambiental. Pola súa parte, o ministro defende que o obxectivo do proxecto “é compabilizar a produción económica coa preservación do maior bosque tropical do planeta, que xa perdeu máis do 13% da súa cuberta orixinal”. Aprobado polos nove gobernos de estados da rexión, será analizado pola Casa Civil antes de ser enviado ao presidente Lula da Silva para a súa definitiva aprobación.


4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: