A máis veterana asociación do sector TIC do país fai balance de actividade e proponse avanzar na cooperación con outras entidades.
Víctor López, novo presidente de EGANET
A cooperación e a busca de alianzas estratéxicas con distintas entidades para desenvolver proxectos tecnolóxicos, ampliar os servizos ás empresas socias, aumentar as oportunidades de negocio para as empresas, facilitando o seu crecemento e especialización, foron os primeiros eixos destacados por Víctor López, responsábel da empresa Ava Soluciones Tecnológicas, na súa primeira intervención como novo presidente da Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET).
Tamén destacou a necesidade de creación de sinerxías entre as empresas socias e a aposta pola fórmula dos consorcios, colaboracións entre empresas para a comercialización de produtos que poidan confluír en ámbitos sectoriais concretos. Doutra banda, o novo presidente de Eganet salientou ademais a vontade da asociación de crear un programa de titorización aos emprendedores de proxectos de nova creación ou incluso en fase de creación que precisen consello e apoio nos temas nos que as empresas de EGANET son expertas.
Nova xunta directiva
As 55 empresas TIC que integran EGANET, que neste 2010 cumpre dez anos de vida, elixiron esta semana en asemblea os membros da xunta directiva que pilotará o colectivo os dous próximos anos. A López acompáñano na directiva como vicepresidente 1º, Daniel Cerqueiro, da empresa Galinus, de Corcubión; como secretario, Alejandro Lamas, de Soluciones y Proyectos de Información –Sixtema- (Santiago de Compostela); e como tesoureiro, Carlos García, de Isenda Telemática (Arteixo). Completan o equipo Ricardo Álvarez, da empresa Netex Knowledge Factory, localizada en Oleiros, que ocupará a Vicepresidencia 2ª; e Iván Fociños (Hospedaxes, da Coruña) e Pablo López (Hacce Soluciones TIC, de Vigo), como vogais de Formación e Comunicación, respectivamente.
Víctor López releva no cargo a Beatriz Legerén, da empresa viguesa Interacción, quen levaba catro anos á fronte da asociación de empresas TIC galegas. A nova directiva gabou o labor desenvolvido pola anterior xunta, subliñando a consecución dunha maior proxección social e representatividade, cun importante incremento da base de empresas socias, un 30% máis nos últimos dous anos. A até o de agora vicepresidenta de EGANET, Luz Castro (Imaxin Software), interveu para facer un agradecemento explícito a Legerén, a quen definiu como "a persoa que máis fixo pola asociación nos últimos anos", pulando pola profesionalización de EGANET como entidade representativa do sector.